Lara Méndez celebra a permanencia do CD Lugo e destaca a súa importancia para a promoción e a economía da cidade

A alcaldesa recibiu aos representantes do clube no Concello e agradeceu o seu esforzo: “Fostes quen de superarvos, e iso é un motivo de orgullo”

 
Martes, 01 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez celebra a permanencia do CD Lugo e destaca a súa importancia para a promoción e a economía da cidade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada polo concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto, e o portavoz municipal, Miguel Fernández, quixo trasladarlle os parabéns en nome da afección e de toda a cidadanía ao equipo do CD Lugo, pola súa dedicación e esforzo, necesarios para poder manter a desexada permanencia en Segunda”.

A rexedora recibiu ao presidente da Tino Saqués, así como o adestrador, Rubén Albés, e a unha representación do primeiro cadro de xogadores no Salón de Plenos do Concello, e felicitoulles pola labor desenvolvida nesta tempada. “Mantivéstesnos aos que vos seguimos co corazón nun puño, e fostes quen de dalo todo e superarvos, o que é motivo de orgullo para Lugo”. “Sabemos que hai clubes con maior capacidade económica e, polo tanto, cunha maior capacidade competitiva, polo que aínda é maior a fazaña conseguida non só nesta tempada senón tamén durante os nove anos consecutivos que levamos en Segunda”.

Lara Méndez puxo en valor a importancia da permanencia, “un motivo para aumentar a autoestima da cidade, da comunidade que defende as súas cores, as cores de Lugo”. E destacou, ademais, o valor que ten que o CD Lugo “siga a ser un escaparate exterior do noso municipio, a enorme promoción que supón para nós, así como a relevancia económica que ten para a cidade, un tema que non é menor”.

A rexedora entregoulles aos representantes do club de fútbol, aos que desexou seguir cos seus éxitos na tempada que ven, un pin de plata da Muralla, así como un libro sobre o patrimonio bimilenario lucense. E o Clube agasallou a alcaldesa, unha camiseta co seu nome.

Pola súa parte, Tino Saqués, agradeceu o apoio da afección, da cidadanía, dos patrocinadores e das institucións ao club, e celebrou o enorme traballo realizado tanto polos xogadores como por todos os profesionais que os acompañan.

Audio

 

Multimedia

  • Lara Méndez celebra a permanencia do CD Lugo e destaca a súa importancia para a promoción e a economía da cidade

Noticias relacionadas