Lara Méndez celebra a adxudicación das obras para a construción da rotonda de Alfonso X, que mellorará a seguridade viaria da contorna

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana vén de adxudicar esta actuación por un importe de 432.787 euros.

“A nova glorieta axudará a desconxestionar a circulación nunha zona de gran afluencia, próxima a instalacións educativas e deportivas”, explicou a alcaldesa.

O Concello e a Deputación puxeron a disposición do Ministerio os terreos sobre os que se erguerá a nova dotación, moi demandada pola cidadanía lucense.

Luns, 18 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez celebra a adxudicación das obras para a construción da rotonda de Alfonso X, que mellorará a seguridade viaria da contorna

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, celebrou a adxudicación, este luns, das obras para a construción dunha glorieta de conexión da estrada N-VI, no quilómetro 498,800, coa avenida Alfonso X O Sabio, por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma), por un importe de 432.787 euros.

Lara Méndez agradeceu ao Mitma e ao Goberno Central “a súa implicación con Lugo, atendendo unha demanda histórica deste Concello para mellorar a seguridade viaria no municipio e axudar a desconxestionar a circulación nunha zona de gran afluencia, pois nas inmediacións atópase o campus da cidade e, polo tanto, instalacións educativas, pero tamén instalacións deportivas de moito uso, ás cales se sumará proximamente a nova zona de baño pública que promovemos no entorno do Miño”.

Deste xeito, subliñou a rexedora “seguimos traballando nesa conectividade entre a trama urbana e a contorna fluvial da cidade, mellorando as infraestruturas e facilitando nexos e conexións seguras para os cidadáns, sempre co obxectivo último de pór ás persoas no centro de toda actuación”.

Para levar a cabo o proxecto, o Concello de Lugo e a Deputación Provincial puxeron a disposición do Ministerio os terreos municipais sobre os que se erguerá a nova rotonda, unha infraestrutura moi demandada pola cidadanía lucense, que permitirá mellorar a situación do tráfico nunha das principais arterias de comunicación da capital.

Características técnicas

O obxecto do proxecto é substituír a actual intersección en T por unha nova glorieta entre a N-VI e a rúa Alfonso X O Sabio, cunha configuración máis propia da contorna  periurbana en que se sitúa. Con iso espérase unha mellora da seguridade viaria na zona, ao facilitar os movementos de entrada e saída na cidade pola  N-VI.

O proxecto contempla a execución da chaira para a nova glorieta, estendido de firme, drenaxe lonxitudinal, sinalización, balizamento e sistemas de contención. Ademais, prevese a reposición de camiños agrícolas afectados e o despregamento de medidas de corrección ambiental.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a adxudicación da rotonda de Alfonso X | Descargar mp3

Noticias relacionadas