Lara Méndez avánzalles aos sectores económicos de Lugo que un dos obxectivos do seu Goberno é a captación de investimentos

A alcaldesa de Lugo e o edil de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, reuníronse hoxe cos colectivos para escoitar as súas necesidades e definir accións conxuntas

 
Luns, 22 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez avánzalles aos sectores económicos de Lugo que un dos obxectivos do seu Goberno é a captación de investimentos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzoulles esta mañá ás colectivos representantes do tecido económico do municipio que un dos obxectivos do seu Goberno será o traballo para a captación de investimentos co fin de reactivar a economía, planificación na que se estaba xa traballando antes da pandemia do COVID 19, pero “que agora faise máis necesario que nunca porque as medidas de choque que puxemos en marcha estes meses deben ser complementadas con políticas activas de recuperación e reconstrución”.

Lara Méndez sostivo que “aínda que non é unha competencia municipal, como tampouco eran as medidas do Plan Reanima ou os servizos sociais, si son as nosas incumbencias, e necesitamos darlle esperanza á veciñanza, en especial á xente moza, de que vai poder desenvolver no noso municipio o seu proxecto de vida profesional, laboral e persoal”.

A rexedora mantivo unha reunión coas asociacións de empresarios, comerciantes, hostaleiros e emprendedores para coñecer de primeira man as súas necesidades actuais, escoitar as súas preocupacións e definir liñas de acción conxuntas, tanto a curto como a medio e longo prazo, que poidan dar continuidade ás postas en marcha ata o momento.

Así, durante esta xuntanza, realizouse un balance do Plan Reanima, se suporá o reparte 3 millóns de euros en axudas directas entre 3.600 emprendedores, autónomos, pemes e familias, para que poidan facer fronte aos gastos deste meses, así como doutras medidas, entre elas as destinadas a dixitalización do comercio, o pago áxil aos provedores ou ao asesoramento para encauzar e actualizar os negocios.

Os distintos colectivos expresaron a súa preocupación pola crise económica derivada da sanitaria e as dificultades que estaban a ter para recuperar a actividade existente antes do confinamento e do parón obrigado polas medidas de protección contra o virus.

Despois desta primeira reunión, a alcaldesa, que estivo acompañada do concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, quedou en reunirse de novo cos distintos colectivos dentro de 15 días para  avanzando no estudo de propostas dinamizadoras para o  municipio.   

Noticias relacionadas