Lara Méndez avanza no último paso para construír a rotonda de Alfonso X coa que mellorará a seguridade viaria da contorna

A rexedora, o Secretario Xeral de Infraestruturas e o presidente da Deputación Provincial asinaron esta mañá, na Casa Consistorial, o convenio de colaboración que dará soporte á obra.

A glorieta, que prevé licitarse a finais de ano, terá 50 metros de diámetro e suporá un investimento de medio millón de euros.

“Esta nova dotación, froito da cooperación institucional, mellorará a situación do tráfico e a seguridade viaria nunha das principais arterias de comunicación da capital”, sinalou Lara Méndez.

Luns, 07 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez avanza no último paso para construír a rotonda de Alfonso X coa que mellorará a seguridade viaria da contorna

O Concello de Lugo puxo xa a disposición do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana os terreos municipais sobre os que se erguerá a nova rotonda de Alfonso X. Unha infraestrutura moi demandada pola cidadanía lucense, que permitirá mellorar a situación do tráfico nunha das principais arterias de comunicación da capital.

A alcaldesa, Lara Méndez, recibía esta mañá na Casa Consistorial ao Secretario Xeral de Infraestruturas, Sergio Vázquez Torrón e ao presidente da Deputación Provincial, José Tomé, para proceder á sinatura do convenio de transmisión co que se oficializa a colaboración entrámbalas tres institucións. Un acto no que tamén estiveron presentes o Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

O acordo - dixo a rexedora - obedece ao entendemento, en prol do interese xeral, de tres administracións distintas que camiñan da man, na mesma dirección, para acadar logros que revertan en beneficio de toda a cidadanía porque son precisamente obras como estas, pequenas pero moi importantes, coas que se acada a cohesión dos territorios e se lles posibilita o seu crecemento”.

Durante a súa intervención, Lara Méndez sinalou a importancia de contar en Lugo con esta nova dotación, “que implicará un antes e un despois na mobilidade urbana xa que a rotonda, axudará a desconxestionar a circulación nunha zona de gran afluencia de vehículos na que conviven instalacións deportivas con outras educativas, mellorando a seguridade viaria”, referiu ao tempo que avanzou que a ubicación desta glorieta de conexión se manterá, segundo estaba previsto, na intersección entre Alfonso X e a Nacional V para facilitar a incorporación do tránsito que circule por esta vía cara Aceña de Olga.

Méndez recordou a complexidade do proceso xa que, durante a tramitación do mesmo, foi necesario realizar varias correccións que dilataron a súa finalización.

En canto ao proxecto final, os técnicos do Ministerio, explicaron hoxe que o orzamento da adxudicación ascende a medio millón de euros e, como características técnicas máis destacadas, informaron que a glorieta, para a que se adecuarán 2.929 m³ de chan, terá un diámetro de 50 metros e os carrís que a integran disporán dunha anchura de 4 m, mentres que a dos viais de acceso será de 3’5 m. Para acometer os traballos será preciso escavar, en total, 5.896 m3 de terra e empregaranse outros tantos de saburra artificial, alén de 469 de terra vexetal e 660 m³ de semente de pradeira.

Unha pequena gran obra - tal e como a definiu o Secretario Xeral de Infraestruturas – que xa non ten desculpa para non licitarse e que será un punto e seguido para a accesibilidade local”, concluíu Sergio Vázquez.

Audio

Multimedia

  • Lara Méndez avanza no último paso para construír a rotonda de Alfonso X coa que mellorará a seguridade viaria da contorna
  • Lara Méndez avanza no último paso para construír a rotonda de Alfonso X coa que mellorará a seguridade viaria da contorna
  • Lara Méndez avanza no último paso para construír a rotonda de Alfonso X coa que mellorará a seguridade viaria da contorna
  • Lara Méndez avanza no último paso para construír a rotonda de Alfonso X coa que mellorará a seguridade viaria da contorna

Noticias relacionadas