Lara Méndez avanza no dimensionamento dos servizos municipais coa provisión de 28 postos clave na estrutura xerárquica do Concello

A Xunta de Goberno desta semana aprobou as bases específicas dos concursos para a provisión de 13 xefe/as de sección e outros tantos responsables de servizo, con funcionarios do Concello e doutras administracións públicas

No baremo de méritos que se terán en conta figura a antigüidade e experiencia das e dos candidatos

A medida, complementa outras xa en vigor como a existencia dunha nova RPT, a validación da proposta da OPE 2020, na que se inclúen outras 44 prazas, así como a creación dunha bolsa de traballo para 42 categorías profesionais

Mércores, 29 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez avanza no dimensionamento dos servizos municipais coa provisión de 28 postos clave na estrutura xerárquica do Concello

O executivo de Lara Méndez continúa a dar pasos para acadar o dimensionamento axeitado do cadro de persoal da institución local co fin de incrementar a eficiencia dos servizos municipais.

Esta mañá a Xunta de Goberno aprobaba as bases específicas que rexerán os concursos para a provisión de 28 postos de traballo que poderán ser cubertos tanto porfuncionario/as de carreira do Concello, é o caso do/as xefe/as de sección e adxuntías, así como por persoal funcionario/a doutras administracións públicas que poderán optar a ser xefe/a de servizo. “Postos dunha gran relevancia, en tanto desempeñan funcións de coordinación e dirección nos diferentes departamentos, que redundarán no seu maior rendemento e eficacia e nunha mellor organización das tarefas e dos recursos dos que dispoñen”, sinalou a responsable da área de Gobernanza.

Así, os postos de Xefe/as de sección que se ofertan son: Actas, Administración Municipal de Secretaría Xeral; Patrimonio; Organización de RRHH; Mobilidade Urbana e Sancións; Oficina de Inspección de Actividades; Medio Rural; Cultura, Turismo e Promoción da Lingua; Casa da Xuventude; Control Financeiro; Órgano de Xestión Económico e Financeiro; Atención Cidadá e de Participación Cidadá e Mercados Locais ademais dos/as Adxunto/as de Facenda Local e Arquitectura.

E as Xefaturas de servizo vacantes se corresponden coas de: Fomento; Prevención e Saúde; Licenzas; Igualdade; Educación; Cultura, Turismo e Promoción da Lingua; Fiscalización Previa; Control Financeiro; Xestión Económico Financeiro; Facenda Local; Augas; Desenvolvemento Local e Participación e Atención Cidadá.

Paula Alvarellos, sinalou que, “para calquera dos dous procesos, as persoas candidatas deberán dispoñer de praza en propiedade, tendo transcorridos dous anos dende a obtención da mesma con carácter definitivo e, xa dentro do baremo de méritos que se valorarán, figura a antigüidade, a experiencia, o grao que se teña consolidado, o traballo desempeñado, a permanencia ininterrompida no posto dende o que se concursa, así como a formación académica impartida ou recibida nos últimos 15 anos, as titulacións das que se está en posesión, o coñecemento da lingua galega e mesmo a conciliación da vida laboral e familiar. Factores, todos eles, que a Comisión de Valoración ponderará para seleccionar ás e aos adxudicatarios”.

Logo de ser autorizadas hoxe polo equipo de goberno, as bases destinadas ao persoal municipal se publicarán proximamente no BOP e no Taboleiro de Anuncios do Concello, e as abertas aos empregados doutras administracións terán difusión no BOP, no DOG e no BOE.

A edil subliñou que a medida vén a complementar outras xa en vigor, como a existencia dunha nova RPT e a validación das novas adscricións daqueles postos de traballo que anteriormente estaban ocupados de xeito provisorio.

“Así mesmo, recentemente foron validadas a proposta da OPE 2020, na que se convocan outras 44 prazas, e a creación dunha bolsa de traballo para 42 categorías profesionais ao tempo que se fixo un esforzo importante para acadar a consecución dun elevado nivel de consolidación do emprego temporal en diferentes departamentos do Concello - concluíu Paula Alvarellos – co obxectivo de adaptar os recursos humanos á realidade e ás necesidades da institución e, sobre todo, da veciñanza”.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre as bases, dos xefes de sección e servizo | Descargar mp3

Noticias relacionadas