Lara Méndez asinou hoxe as bases do Plan Reanima Lugo, que inxectará 5 millóns de euros a autónomos, empresarios e familias

Esta Semana Santa poderán consultarse na web do Concello de Lugo e a semana que vén se publicarán no BOP e abrirase o prazo para solicitar as subvencións.  

A alcaldesa lembra que son axudas directas para que “o noso tecido empresarial gañe en liquidez, poida facer fronte aos gastos e intentar así protexer os postos de traballos”.

Mércores, 08 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez asinou hoxe as bases do Plan Reanima Lugo, que inxectará 5 millóns de euros a autónomos, empresarios e familias

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asinou hoxe as bases do Plan Reanima Lugo, que inxectará, a través de axudas directas, 5 millóns de euros a autónomos, microempresas, pemes e familias co fin de aportarlles liquidez para que poidan facer fronte aos gastos e intentar protexer os postos de traballo. “Intentouse reducir nestas bases a burocracia para que sexa máis doada a súa tramitación co fin de que sexan efectivas o máis rápido posible tendo en conta a situación delicada na que está a economía local derivada das consecuencias desta crise sanitaria”, apuntou a rexedora.

As bases poderán consultarse esta Semana Santa na web do Concello de Lugo e a principios da semana que vén se publicarán no BOP, momento no que se abrirá un prazo de 20 días para que se presenten as solicitudes. O Concello habilitará canles informativas para que as persoas que queiran optar ás axudas consulten as súas dúbidas.

A rexedora lembrou que estas subvencións queren ser complementarias ás axudas que poñen en marcha outras administracións como o Goberno central ou a Xunta de Galicia co fin de, entre todos, sumar máis. “O Concello non ten as competencias en traballo, e iso limítanos moito os apoios que podemos facilitar, pero quixemos impulsar medidas para os máis de 7.400 autónomos de Lugo e as empresas de ata 50 empregados, que son as que constitúen principalmente o tecido económico local”, sostén Lara Méndez.

O Plan Reanima inclúe dúas liñas principais:

1)    Medidas de axuda ao impulso económico e de protección do emprego, ás que destinaremos 4 millóns de euros.

A estas axudas poderán presentarse aquelas empresas que se viron afectadas polo peche das súas actividades debido aos decretos marcados polo Goberno central, así como os autónomos, ademais daquelas que reduciran a súa facturación polo menos un 75% no mes anterior á pedir esta axuda.

As empresas deberán ter o seu domicilio fiscal en Lugo, ou, de non ser así, ter no municipio o establecemento ou local onde desenvolva a súa actividade.

As contías serán as seguintes:

No caso daquelas empresas ou autónomos, con ou sen traballadores ao seu cargo, que se viron afectadas polo peche decretado, recibirán unha cantidade fixa de 1.200 euros.

Se non pecharon, pero reduciron ata un 75% a súa facturación, a contía fixa será de 750 euros.

En ambos os dous supostos:

-       Se non tramitan un ERTE, recibirán, ademais, 600 euros por traballador se a empresa ten ata 9 empregados, e de 450 euros se ten entre 10 e 49 traballadores (inclusive). Os beneficiarios destas axudas comprométense a non solicitar o ERTE nos tres meses posteriores á súa concesión.

-       Pola contra, se tramitan un ERTE, ademais das axudas fixas, recibirán 180 euros por traballadorse a empresa ten ata 9 empregados, e de 120 euros se ten entre 10 e 49 traballadores (inclusive). Neste caso, só poderán percibir as contías por traballador se a empresa acredita ter acordado con eles ou coa representación sindical que o complemento salarial do ERTE será do 100% da base reguladora, e non só do 70%, que é o que aporta o Estado.

2)    Medidas de axuda á conciliación da vida familiar e laboral por situacións derivadas do COVID 19, ás que destinaremos 1 millón de euros.

As persoas solicitantes terán que estar empadroadas no municipio.

A esta liña van poden optar os autónomos e os traballadores por conta allea que experimentaran unha merma nos seus ingresos a consecuencia de ser incluídos nun ERTE, ou tido necesidade de solicitar excedencia ou redución de xornada para a atención de fillos menores de 12 anos aos que lles tivera afectado o peche dos centros educativos con motivo da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19.

O Concello aportará unha contía fixa de 100 €, que se incrementará a 150 se foran 2 fillos a cargo ou a 175 € se foran 3 ou máis fillos a cargo.

Audio

  • Lara Méndez, sobre as bases do Plan Reanima Lugo | Descargar mp3
 

Noticias relacionadas