Lara Méndez asegura que “Lugo chegará ao 2023 cos deberes cumpridos en materia de calidade ambiental”

A rexedora lembra que a cidade dispón, dende hai anos, de varias zonas de baixas emisións grazas ao calmado do tráfico que se puxo en marcha non só na contorna da Muralla senón tamén noutros barrios periféricos como pode ser o da Piringalla

Martes, 28 de xaneiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez asegura que “Lugo chegará ao 2023 cos deberes cumpridos en materia de calidade ambiental”

A alcadesa de Lugo, Lara Méndez, aseguraba hoxe que “Lugo chegará ao 2023 cos deberes cumpridos en materia de calidade ambiental” logo de que o Goberno Central veña de decretar a emerxencia climática para o país impoñendo ás cidades de máis de 50.000 habitantes, a creación de zonas de baixas emisións.

Unha medida que a rexedora, Lara Méndez, valora como “unha iniciativa acertada, de sentido común e congruente cos retos que impón a loita contra o cambio climático e un obxectivo, tamén, no que Lugo leva anos traballando e que asimilamos ao noso proxecto de cidade inspirado en políticas transversais que apostan pola sustentabilidade como única posible estratexia de desenvolvemento e mellora da calidade de vida dos nosos habitantes”.

Así, Lara Méndez referiu que intervencións como as peonalizacións xa proxectadas durante o anterior mandato para Quiroga Ballesteros e a Mosqueira contribuirán a reverter os efectos do Cambio Climático, e lembrou que a capital conta xa con zonas de baixas emisións como pode ser a contorna da Muralla ou o barrio da Piringalla onde, en anos anteriores, se procedeu ao calmado do tráfico “non só para favorecer a mobilidade peonil e gañar en seguridade viaria senón tamén para mellorar a calidade do aire”.

A rexedora insistiu en que a decisión do executivo estatal “non é, no caso de Lugo, un futurible, senón un proxecto real que terá a súa culminación coa creación dun barrio multiecolóxico, recentemente presentado no Cume do Clima de Madrid cunha gran repercursión. Pronto terá ademais, a súa parte máis tanxible na construción dun edificio que será capaz de autoabastecerse enerxeticamente e que estará realizado integramente en madeira. Un material que non só conseguirá potenciar o sector forestal, básico para toda a provincia, senón que, cremos, será o elemento estrutural das edificacións do futuro xa que consegue reducir nun 90% as emisións de CO2 á atmosfera”.

Lara Méndez lembrou que o Bosque Urbano, de máis de 40 hectáreas e integrado por 15.000 exemplares de especies autóctonas, situado no medio de dous polígonos industriais, está a certificar xa o seu impacto ambiental na contorna segundo determinan os estudos realizados pola Universidade Politécnica de Madrid.

“A plantación de cultivos enerxéticos e a recuperación do humidal xunto á próxima construción do Impulso Verde e a creación de xardíns verticais e dunha zona de hortos está a demostrar xa que a expansión da infraestrutura verde urbana xera un balance neto positivo de absorción de dióxido de carbono que axudará a reducir os efectos do Cambio Climático e a mellorar a resiliencia e a sustentabilidade o que demostra que estamos a camiñar na senda adecuada e que Lugo constrúe, dende hai tempo, os piares dun municipio que será referente para todo o país”, concluíu a alcaldesa.

Audio

  • A alcadesa de Lugo, Lara Méndez, sobre as zonas de baixas emisións | Descargar mp3
  • A alcadesa de Lugo, Lara Méndez, sobre os efectos positivos do Bosque Urbano | Descargar mp3

Noticias relacionadas