Lara Méndez aplaude a chegada dun novo Xulgado do Social a Lugo, despois de acadar en 2019 un reforzo da Sala

A rexedora lembra que dende o ano pasado, froito do acordo adoptado coa anterior titular do Ministerio, o órgano lucense contou cun incremento de persoal equivalente ao que suporá a creación do Xulgado

“Hoxe a sociedade lucense está de noraboa, logo dunha loita conxunta, na que destaca o esforzo feito polo sector xudicial, que redundará en beneficio de toda a cidadanía”, sostivo a alcaldesa

Mércores, 22 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez aplaude a chegada dun novo Xulgado do Social a Lugo, despois de acadar en 2019 un reforzo da Sala

A alcaldesa, Lara Méndez, aplaudía hoxe a chegada dun novo Xulgado do Social á cidade e agradeceu ao actual titular deste Ministerio o paso dado para dotar a Lugo dunha estrutura acorde ás necesidades do concello e ao volume de traballo que recibe.

A rexedora lembrou tamén que, tras denegarse a primeira petición, en febreiro de 2019 e “sempre a prol de defender as demandas das e dos lucenses, o executivo local iniciou unha serie de conversas coa anterior ministra, Dolores Delgado, que culminaron co acordo de reforzar esta Sala cunha asignación económica e unha estrutura de persoal (un xuíz, un letrado e tres funcionarios – tramitadores-) equivalente á que suporá agora a creación do novo órgano”.

“Dende o Concello amosamos a nosa gratitude por atender ás reivindicacións da sociedade lucense e autorizar a creación deste novo Xulgado do Social que, estamos seguros – manifestou Lara Méndez – aportará celeridade á abordaxe e resolución dos casos que lle competen e que se multiplicaron de forma exponencial durante a crise. Cuestións, todas elas, de primeira necesidade, como pensións de subsistencia ou outras que requiren que se afronten coa maior rapidez posible, como reclamacións de salarios, indemnizacións, EREs ou vulneracións de dereitos fundamentais”, sostivo a alcaldesa.

Méndez referiu que foron os datos os que avalaron, obxectivamente, a conveniencia de crear esta nova Sala, xa que cada un dos Xulgados actuais estaba a recibir unha media anual de 1.150 asuntos, o que significaba un volume superior ao 145% do ratio establecido polo CGPJ, ao tempo que enxalzou o papel desenvolvido polo sector xudicial “que, dende o inicio, liderou unha loita común, continuada e conxunta, que agora dá os seus froitos en beneficio do interese xeral de toda a cidadanía”, concluíu a alcaldesa.

Noticias relacionadas