Lara Méndez anuncia unha nova pista deportiva en O Castiñeiro ao aire libre para impulsar actividades de lecer na mocidade

A Alcaldesa mantivo un encontro coa veciñanza para anunciar o inicio inmediato da obra “no marco do plan de mellora da calidade de vida dos máis novos a través do lecer e deporte”.

A rexedora lucense informou tamén que a área de Medio Ambiente está xa a traballar no proxecto de remodelación das áreas infantís da praza, un compromiso adquirido co barrio.

Venres, 29 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anuncia unha nova pista deportiva en O Castiñeiro ao aire libre para impulsar actividades de lecer na mocidade

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo un encontro coa veciñanza de O Castiñeiro para anunciarlles o inicio na vindeira semana das obras de execución dunha nova pista deportiva, que se ubicará nunha parcela de titularidade municipal de case 800 metros cadrados, sita entre Juana la Loca e Ramón Piñeiro. “Con esta actuación lle damos resposta a unha demanda que nos fixeron os mesmos nenos e nenas que viven e xogan no barrio durante as visitas que realizamos a esta zona”, comentou.

As instalacións, ao aire libre e de uso público e gratuíto, disporán de céspede artificial e contarán cun peche perimetral. “O obxectivo con esta actuación é avanzar nos plans de mellora da calidade de vida dos máis novos a través de impulsar un lecer máis vinculado coa actividade deportiva e hábitos saudables”, sostivo a rexedora, quen lembrou que o Goberno está a realizar “unha aposta importante para mellorar os equipamentos deportivos do municipio e para crear novas dependencias”.

Lara Méndez, que estivo acompañada do tenente de Alcaldesa e voceiro de Goberno, Miguel Fernández, e do concelleiro de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto, explicou que se investirá nesta actuación 48.380 euros e que o prazo de execución será de dous meses e medio.

Ademais de esta execución, a rexedora informou de que a área de Medio Ambiente está xa a traballar no proxecto de renovación na súa integridade dos parques infantís da contorna da praza de O Castiñeiro, “zonas de xogos que están moi deterioradas e que necesitan dunha mellora e dunha ampliación porque son moitos os pequenos que fan uso delas a diario”, sostivo.

Noticias relacionadas