Lara Méndez anuncia o visto e prace á urbanización da esquina de San Roque que mellora un enclave con dous Patrimonios da Unesco

A Xunta de Goberno aprobou hoxe, de forma inicial, o proxecto que soluciona as conexións viarias con criterios de perspectiva de xénero.

O impulso dado pola rexedora, promovendo a modificación previa do PEPRI, permitirá eliminar a pasarela, 30 anos despois da súa construción provisional.

Lara Méndez: ”recuperamos un espazo para a cidadanía, conciliando a conservación do patrimonio local coa necesaria dinamización económica do municipio”.

A obra, que dispón dun orzamento de 123.757 euros terá un prazo de execución de seis meses.

Mércores, 19 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anuncia o visto e prace á urbanización da esquina de San Roque que mellora un enclave con dous Patrimonios da Unesco

O executivo de Lara Méndez iniciou a conta atrás para recuperar a esquina de San Roque, dignificando unha das principais entradas da cidade ao Casco Histórico.

A Xunta de Goberno aprobaba esta mañá, de forma inicial, o proxecto para urbanizar a mazá do PEPRI 214A, comprendida entre a Rolda, San Roque e o Carril das Flores, que executará a iniciativa privada.

“Unha intervención coa que pretendemos dignificar unha das principais entradas da cidade ao Casco Histórico nun enclave concreto que acolle a dous Patrimonios da Humanidade: a Muralla Romana e o Camiño Primitivo”, explicou a rexedora.

Lara Méndez referiu que “esta solución chega máis de 40 anos despois de que o alcalde lucense nesa época, Jesús Ibañez Méndez, remitise unha providencia aos servizos técnicos municipais instando a buscar unha alternativa para este acceso, e 30 anos despois de que o rexedor Notario Vacas construíse a actual pasarela de metal, que naceu como provisional e que se mantén desde entón”.

“Temos que lembrar, ademais, que aprobación deste trámite é posible porque no mandato pasado, en xaneiro de 2019, conseguimos impulsar a aprobación en Pleno da modificación do Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior, que foi imprescindible para desbloquear a situación na que se atopaba esta unidade”, engadiu a alcaldesa de Lugo.

Méndez destacou que “poñemos fin, así, a un longo percorrido burocrático, lastrado en parte polos prolongados procedementos administrativos. Cómpre subliñar que a urbanización que se propón respecta todas as determinacións contidas nos informes dos Servizos Municipais de Enxeñería, Arqueoloxía e Arquitectura, así como as trasladadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, e que teñen como obxectivo garantir a conservación do Camiño Primitivo ao seu paso polo Carril das Flores. Foi necesario incluso conseguir o permiso do ICOMOS para poder modificar o PEPRI”, afirmou.

A alcaldesa apuntou que “o anuncio da urbanización é unha moi boa nova para Lugo e para a protección da contorna do noso casco histórico e dos dous bens mundiais, polo que implica de acondicionamento dunha contorna tan especial e de resolución das comunicacións tanto peonís como rodadas da zona”.

A actuación implicará a erradicación daqueles espazos que, pola súa configuración actual, resultan insalubres ou entrañan situacións de risco para a veciñanza como pode ser a pasarela de acceso aos establecementos comerciais. Isto reverterá, igualmente, noutros aspectos da seguridade cidadá, de forma especial en horario nocturno, porque a intervención pretende minimizar as consecuencias para a poboación por cuestións de xénero, imbricándoa así no espírito da cidade amable e integradora que persegue o goberno de Lara Méndez.

“As solucións aportadas permitirán que o fluxo peonil da Rolda da Muralla teña a súa continuación cunha beirarrúa de 4 metros de ancho, que actualmente non existe, que conectará co espazo que dá acceso ao edificio lindeiro cara a rúa Montero Ríos. Farase grazas á cesión de terreos por parte da iniciativa privada para mellorar o tránsito peonil”, abondou a rexedora ao tempo que indicou que o tráfico rodado verase tamén mellorado co ensanche da rúa San Roque, ampliándose o ancho dos dous carrís de enlace coa Rolda da Muralla e incorporando un novo viario para o acceso ao Carril das Flores, onde coexistirán o tráfico peonil e rodado restrinxido, cun tratamento de firme diferente ao ser Camiño Primitivo. Neste caso, usarase granito con formigón desactivado, que o que está a preferir Patrimonio”.

Este tratamento diferente prolongarase ata o paso de peóns do inicio de San Roque, para que o acceso rodado sexa máis gradual. Así mesmo, o Carril das Flores terá un ancho aproximado de 6 metros na súa zona máis ampla, e de máis de 4 metros na zona de acceso desde a Rolda da Muralla.

Os muros que se xerarán pola diferencia de cota que vai producir entre Carril das Flores e a Rolda da Muralla revestirase de sillería de pedra ou cunha solución semellante para integralo na súa contorna. O muro do lindeiro do Carril das Flores máis próximo á futura edificación resólvese cunha baranda.

Lara Méndez sinalou igualmente que a nova urbanización permitirá logo desenvolver neste enclave unha superficie de 607 metros libres para edificacións e espazos para a cidadanía.

O proxecto dispón cun orzamento de 123.757 € e un prazo de execución de 6 meses

Pola súa banda, o edil de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, aportou outros detalles máis técnicos do proxecto, indicando que a proposta de actuación contempla obras de demolición e reposición de pavimentos na calzada, apertura de gabias para redes de servizos, derruba de muros e de dúas edificacións en San Roque (números 5 e 7), así como a construción da infraestrutura para a nova beirarrúa, “obras que afectan ao subsolo nunha zona de ámbito PEPRI polo cal será a obrigatoria a realización das escavacións arqueolóxicas o que esixe, á súa vez, un proxecto de control permanente sobre as mesmas”.

O concelleiro referiu que os traballos que se levarán a cabo no Carril das Flores afectan ao trazado principal do Camiño de Santiago do Norte, polo que foi preciso solicitar o pronunciamento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pola clara afección que supón tanto a este como á Muralla Romana, “se ben todos os materiais, acabados e demais aspectos relativos á urbanización da contorna, como poden ser os criterios estéticos, se axustan á normativa en vigor e aos estándares esixidos”.

Santos Ramos informou que “a intervención completarase coas medidas necesarias para o establecemento da prioridade peonil do devandito Carril das Flores, incorporando elementos de sinalización e regulación viaria e, en canto ao deseño do firme, procurarase a continuidade do trazado do Camiño sobre a rúa de San Roque e a Rolda da Muralla, sen perder de vista a futura perspectiva dunha recuperación total dos usos peonís en todo o ámbito, dentro dos futuros plans de mobilidade e circulación que poida deseñar o Concello”.

Nesa mesma liña e, en prol de mellorar a accesibilidade, Santos Ramos sostivo que os servizos municipais manterán o contacto coa Once e o Imserso a fin de coordinar os labores e detalles da obra, “xa que se pretende cumprir a Ordenanza de Barreiras Arquitectónicas, fundamentalmente no que ten que ver coa colocación de bordos e pavimentos”.

“Soterraranse todas as liñas aéreas, tanto as de nova construción como as existentes previamente á recepción, gardando un especial coidado cos entronques ao viario de conexión e co mantemento dos limiares de acceso ás vivendas para non ocasionar danos”, apuntou o responsable de Sostibilidade Urbana.

Álvaro Santos quixo poñer en valor o traballo conxunto e transversal do persoal municipal para avanzar no procedemento en prol do interese xeral e indicou que o proxecto, que ten un orzamento de 123.757 euros e conta cun prazo de execución de 6 meses, someterase agora a exposición pública no Boletín Oficial da Provincia polo prazo dun mes antes de ser aprobado definitivamente.

Outros asuntos da Orde do Día da Xunta de Goberno Local

Ao marxe deste asunto, na Orde do Día abordada este mércores figuraba a concesión de cinco licenzas urbanísticas.

Tres delas foron para proceder á instalación dun ascensor nunha edificación da rúa Tui (79.000 €), á legalización doutro en Túnel de Oural (39.981 €) e á substitución doutro máis e reforma do portal nun inmoble de Islas Cíes (57.815 €), así como para iniciar a reparación do muro de contención no cemiterio de San Lázaro (7.600 €) e a construción dunha nave de uso industrial no Polígono da Gándaras (243.718 €).

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou iniciar a revisión de oficio da transmisión da parcela M1-A do SUR -K tras detectarse que faltan por incorporarse ao expediente administrativo informes técnicos necesarios para garantir os intereses xerais, así como a obrigada avaliación da Intervención Xeral. O Concello daralle traslado á parte interesada para que presente alegacións ou os documentos que considere convenientes.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a urbanización na esquina de San Roque | Descargar mp3
  • O edil de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, sobre a urbanización na esquina de San Roque | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez anuncia o visto e prace á urbanización da esquina de San Roque que mellora un enclave con dous Patrimonios da Unesco
  • Lara Méndez anuncia o visto e prace á urbanización da esquina de San Roque que mellora un enclave con dous Patrimonios da Unesco
  • Lara Méndez anuncia o visto e prace á urbanización da esquina de San Roque que mellora un enclave con dous Patrimonios da Unesco
  • Lara Méndez anuncia o visto e prace á urbanización da esquina de San Roque que mellora un enclave con dous Patrimonios da Unesco
  • Lara Méndez anuncia o visto e prace á urbanización da esquina de San Roque que mellora un enclave con dous Patrimonios da Unesco
  • Lara Méndez anuncia o visto e prace á urbanización da esquina de San Roque que mellora un enclave con dous Patrimonios da Unesco
  • Lara Méndez anuncia o visto e prace á urbanización da esquina de San Roque que mellora un enclave con dous Patrimonios da Unesco

Noticias relacionadas