Lara Méndez anuncia a apertura dos aparcamentos alternativos de Ramón Piñeiro e Lamas López onde se crearon 69 novas prazas

O executivo municipal investiu 171.000 euros na posta en marcha destas instalacións situadas en dúas parcelas municipais na Residencia e O Castiñeiro.

Os traballos incluíron a pavimentación do chan, a renovación da iluminación, a instalación de nova sinalización ou a colocación de valos perimetrais.

Lara Méndez: “Con estes aparcamentos, que xa están a disposición da cidadanía, e o repitando de varias rúas sumamos 126 novas prazas no entorno do carril bici”.

Xoves, 02 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anuncia a apertura dos aparcamentos alternativos de Ramón Piñeiro e Lamas López onde se crearon 69 novas prazas

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este xoves a apertura dos aparcamentos alternativos que o executivo municipal puxo en marcha nas rúas Ramón Piñeiro e Francisco Lamas López, cun investimento total de 171.000 euros. Fíxoo durante unha visita ás novas instalacións, onde estivo acompañada do tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández.

A rexedora explicou que “unha vez finalizados os traballos en ambas parcelas municipais, que incluíron a pavimentación do chan, a renovación da iluminación ou a instalación de nova sinalización, entre outras tarefas, os e as lucenses xa poden facer uso destes novos aparcamentos cos que creamos 69 novas prazas de estacionamento públicas e gratuítas nos barrios de A Residencia e O Castiñeiro”.

Lara Méndez lembrou que “este proxecto está ligado á posta en marcha da nova senda verde ciclista da cidade, pois busca paliar a perda de prazas que se producirá nalgúns puntos da súa contorna”. Neste senso apuntou que “ás 69 prazas que hoxe pasarán a estar a disposición da cidadanía, súmanse as 57 que se habilitaron co repitando en batería ou espiga dos espazos nas rúas Río Mandeo, Pomar, Amizade, Ronda do Carme e Mestre Soutullo, acadando un total de 126 novas prazas”.

Dende que accedeu á alcaldía, Lara Méndez puxo en marcha 9 aparcamentos alternativos cun investimento superior aos 400.000 euros, creando 272 novas prazas de estacionamento en: Rúa Alcalde Manuel Portela; Rúa Do Buxo; Avda. Reverendo Xosé Fernández Núñez; Rúa Pedro González López; Rúa Jacinto Calvo Senador, Rúa Alcalde Xosé Novo Freire, Rúa Paradai De Arriba, Rúa Ramón Piñeiro e Rúa Alcalde Francisco Lamas López.

Por outra banda, a rexedora creou outras 363 prazas no párking fronte ao HULA, 150 máis co repintado das prazas da rúa que circunda o hospital Lucus Augusti e outras 80 coa apertura ao público, polas tardes e fines de semana, do aparcadoiro do Seminario.

Características dos novos aparcamentos

O párking da rúa Alcalde Francisco Lamas López, levouse a cabo nunha parcela de 529 m2, e conta con 16 prazas, das cales dúas son adaptadas para persoas con mobilidade reducida; mentres que o aparcamento que se sitúa entre as rúas Ramón Piñeiro e Ramón Beberide, construíuse nunha parcela de 1.859 m2, e dispón de 53 prazas, incluíndo 5 adaptadas. Ambas parcelas atopábanse sen uso, e foron habilitadas para o estacionamento público e gratuíto.

Os traballos incluíron a pavimentación do chan, a instalación dun sistema de drenaxe que evite a formación de charcos, a renovación da iluminación, a instalación de sinalización horizontal e vertical, e a colocación dos valos perimetrais que delimitan os recintos.

O aparcadoiro de Alcalde Francisco Lamas López conta cun acceso peonil e un acceso para vehículos nos extremos opostos da fronte da parcela. A existencia de construcións ao nivel de terras nos lindes norte e leste desta parcela, obrigou á realización dun muro de contención de 3 metros de altura sobre a cimentación cun espesor de 40 cm.

Así mesmo, o aparcadoiro de Ramón Piñeiro, dispón tamén de dúas ramplas de acceso, unha peonil adaptada de 2 metros de ancho, e unha rampla para acceso de vehículos de 8 metros de ancho.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre os aparcamentos alternativos | Descargar mp3
 

Multimedia

  • Lara Méndez anuncia a apertura dos aparcamentos alternativos de Ramón Piñeiro e Lamas López onde se crearon 69 novas prazas
  • Lara Méndez anuncia a apertura dos aparcamentos alternativos de Ramón Piñeiro e Lamas López onde se crearon 69 novas prazas

Noticias relacionadas