Lara Méndez anuncia a apertura da licitación das Caldas do Miño, que serán un revulsivo cultural, de recreo e turístico para Lugo

A alcaldesa aposta por este novo equipamento para impulsar a contorna fluvial e como un recurso de atracción de visitantes e de dinamización da economía local.

A Xunta de Goberno aprobará esta semana o inicio do proceso de adxudicación cun investimento de  923.621 euros e un prazo de execución de doce meses.

As instalacións, que seguirán os máximos parámetros de eficiencia enerxética, contarán con seis pozas, catro de auga quente e dúas de fría, e vestiarios.

O seu deseño, que busca o mínimo impacto visual e ambiental, está inspirado nos baños públicos romanos facendo unha chiscadela á historia lucense.

Luns, 03 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anuncia a apertura da licitación das Caldas do Miño, que serán un revulsivo cultural, de recreo e turístico para Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe que a Xunta de Goberno Local aprobará esta semana o inicio de proceso de licitación das Caldas do Miño, un novo equipamento de uso público que permitirá non só impulsar as actividades a desenvolver na contorna fluvial, senón que a cidade gañe un novo recurso cultural, de recreo e turístico.

“As caldas serán un gran revulsivo vinculado co noso legado xa que están inspiradas nos baños públicos romanos”, sostivo a rexedora, que engadiu que “con estas instalacións sumaremos novos espazos para o goce da nosa veciñanza, para as e os peregrinos, xa que moi preto pasa o Camiño Primitivo e pode ser una etapa de parada e descanso para eles, e para a atracción de visitantes nun momento tan interesante para a cidade para captar un turismo de experiencias, e polo tanto, de calidade”.

“Estamos convencidos de que servirán para potenciar a estadía e o perfil de turistas que escollen Lugo como destino das súas vacacións”, incidiu.

O proxecto dotará a Lugo duns baños públicos con auga quente facendo unha chiscadela ás termas e, polo tanto, á historia cultural da cidade, aínda que non teñen un fin sociosanitario por non tratarse de augas mineromedicinais se non que proveñen da traída e acondicionaranse termicamente para o seu goce.

O equipamento situarase nunha extensión de case 400 m² dentro dunha parcela de 84.000 m² situada ao carón do Pazo de Feiras, na Avenida Fábrica da Luz, e a altura do Club Fluvial.

As instalacións foron proxectadas seguindo os máximos parámetros de eficiencia enerxética, de acordo ao modelo de cidade polo que aposta o Goberno local. Así, estarán compostas por 4 piscinas de auga quente – cunha profundidade de entre 60 e 90 cm -, dotadas dunha manta térmica removible que as protexerá fronte á intemperie para evitar perdas enerxéticas e previr caídas durante o horario de peche, e dous pediluvios de auga fría, sumando unha superficie aproximada de lámina de auga de 150 metros cadrados.

Cada unha das pozas, con aforo para 50 persoas en uso simultáneo, terá unha forma e dimensión diferentes e o recinto contará cun edificio dunha planta e con cuberta axardinada para albergar un atrio, vestiarios, aseos e os equipos de aerotermia.

“Eliximos a aerotermia para as instalacións porque é o máis rendible desde un punto de vista da eficiencia enerxética reducindo a mínimos a pegada de carbono que se xeraría cunha instalación que non estivese á altura dun proxecto innovador e de primeiro nivel que require unha cidade como Lugo”, destacou a alcaldesa.

A nova infraestrutura poderá ser empregada por toda a cidadanía, incluídas as persoas con diversidade funcional ou dificultades de mobilidade xa que dispón de itinerarios accesibles e un dos vasos está adaptado cunha rampla de acceso.

Lara Méndez sinalou, ademais, que o deseño das caldas busca o mínimo impacto visual e ambiental, “porque queremos ser tremendamente respectuosos coa zona na que se executan, unha contorna privilexiada na que estamos a traballar con diversos proxectos para que os cidadáns accedan a ela con máis facilidade e a través dunha nova mobilidade, con itinerarios a pé e en bicicleta, desde a trama urbana da cidade”.  

O proceso de licitación desta obra, enmarcada na estratexia DUSI Muramiñae, parte cun investimento de 923.621 euros e un prazo de execución de doce meses.

Audio

  • A alcadesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a licitación das Caldas do Miño | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez anuncia a apertura da licitación das Caldas do Miño, que serán un revulsivo cultural, de recreo e turístico para Lugo

Noticias relacionadas