Lara Méndez anima á mocidade a participar nos obradoiros municipais sobre cultura urbana deportiva e artística

As iniciativas, que son gratuítas, centraranse nos deportes de Skate e Bmx, así como na técnica de arte urbano  Stencil, que artistas como Bansky axudaron a expandir.

A inscrición poderá realizarse na propia actividade, que será de balde. Os cursos desenvolveranse nos meses de xuño e xullo nas instalacións do novo skatepark.

Venres, 10 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anima á mocidade a participar nos obradoiros municipais sobre cultura urbana deportiva e artística

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anima á mocidade a participar nos obradoiros que pon en marcha a concellería de Xuventude vinculados á cultura urbana tanto desde a súa perspectiva deportiva como artística. “O noso obxectivo é ofrecerlle ao colectivo xuvenil a posibilidade de participar activamente en iniciativas que favorezan o seu desenvolvemento integral a través de actividades de cultura urbana, moi próximas a estas idades, proxectadas como accións de ocio, pero tamén de formación”, sostén a rexedora.

As actividades, que serán de balde, centraranse nos deportes de Skate e Bmx, así como  na disciplina artística Stencil, técnica de arte urbano que artistas como Bansky axudaron a expandir e a internacionalizar. As clases impartiranse en xuño e xullo e non é necesaria a inscrición previa, senón que se pode formalizar na mesma actividade.

Dirixidas a poboación de 12 anos en adiante, aínda que tendo prioridade a xente máis moza, os obradoiros serán coordinados e impartidos por profesionais recoñecidos. Desenvolveranse na pista de Skate ubicada en Pablo Fabio Máximo.

O Skate é un dos deportes urbanos máis practicados do mundo e modalidade olímpica desde 2021. Segundo lembra o concelleiro de Xuventude, “é unha actividade moi popular entre os nenos e nenas, que require de esforzo e concentración pero tamén dunha previa instrución de técnicas e estratexias para saber como realizar trucos sen perigo de facerse dano”.

As actividades de desenvolven a través do Servizo de Prevención de Drogodependencias e outras adiccións e está incluída no programa +Xti.

Ao final das xornadas, terá lugar unha sesión final a modo de exhibición cos participantes, na que participarán deportistas skaters galegos de nivel avanzado, e haberá música en directo.

Sesións:

  • 17 Xuño Skate e Stencil 16:30 - 21:30h
  • 18 Xuño Skate Bmx 16:30 - 21:30h
  • 19 Xuño Skate 10:30 - 14:30h
  • 24 Xuño Skate e Stencil 16:30 - 21:30h
  • 25 Xuño Skate Bmx 16:30 - 21:30h
  • 26 Xuño Skate 10:30 - 14:30h
  • 1 Xullo Skate e Stencil 16:30 - 21:30h
  • 2 Xullo Skate Bmx 16:30 - 21:30h
  • 3 Xullo Skate 10:30 - 14:30h
  • 8 Xullo Skate e Stencil 16:30 - 21:30h
  • 9 Xullo Skate Bmx 16:30 - 21:30h

Noticias relacionadas