Lara Méndez amplía as instalacións deportivas municipais cun novo skatepark para a práctica de modalidades urbanas

A rexedora de Lugo destacou a versatilidade desta área, que permitirá o seu uso por parte tanto das persoas que se inician como de usuarios avanzados.

A apertura da nova zona, na que a área de Deportes investiu 215.000 euros, foi a ritmo de baile e de música experimental, jazz, funk, punk rock e hip hop.

Venres, 16 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez amplía as instalacións deportivas municipais cun novo skatepark para a práctica de modalidades urbanas

O Concello de Lugo amplía as súas instalacións deportivas coa apertura esta tarde dun skatepark que permitirá a práctica dos deportes urbanos de acción máis demandados, especialmente pola xente máis nova, e que está ubicado entre a rúa Veiga Grande e a avenida Fabio Paulo Máximo, ao carón entre outras dependencias deportivas municipais.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto, procedeu a apertura desta área, “que integra diversos elementos que permitirán o seu uso tanto para debutantes como para usuarios avanzados xa que dispón de distintas superficies, plataformas e liñas de fluidez”. “Pensamos especialmente na mocidade, aínda que sabemos que estes deportes non teñen idade, porque non só é unha forma de manterse en forma, senón unha boa maneira de canalizar as enerxías de xeito saudable”, sostivo.

“O noso obxectivo foi dinamizar este espazo público para usuarios de deportes urbanos como o skateboard, o roller ou o BMX, dotando á cidade dunha instalación de primeira orde para a súa práctica divertida, pero tamén segura e responsable”, sostivo Lara Méndez.

Para animar a apertura, a área de Deportes programou unha sesión de baile da Escola de Danza Gravity e de música, amenizada por Salvador Ruído e os seus conectores, tres Dj locais. As piruetas nas novas instalacións fixéronse así ao son de música experimental así como de jazz, funk, punk rock e hip hop.

Instalacións

A rexedora lembrou que o investimento municipal ascendeu a 215.000 euros e que a garantía da obra é de cinco anos.

O Concello construíu unha área moi completa nunha superficie de 1.580 m2, cunha pista de 887 m2, que servirá para a práctica das dúas modalidades principais do skateboarding: street e park, mantendo unha proporción e relación entre as dúas zonas que da moita flexibilidade á instalación.

A dotación inclúe a bañeira, que ocupa aproximadamente 200 m2 dentro do coping, no centro da instalación. Os elementos do skatepark que a rodean inclúen unha semi pirámide, un quarter, apto para multitude de trucos de todos os niveis; unha esquina elevada de Street, coroada por un mini bank e que cae cara á plataforma principal por un plano inclinado suave cun hubba e un rail, aptos para patinar en todas as posicións.

Ademais destes elementos nas esquinas, no plano sitúase un rail de 4 m de lonxitude e un módulo de caixón con banco e planos inclinado, entre a zona elevada de street e a pirámide, o que permite atacarlle desde ambos os lados e con diferentes liñas.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Skatepark | Descargar mp3

Noticias relacionadas