Lara Méndez agradece o “compromiso da veciñanza que traballou e traballa polo crecemento do barrio da Milagrosa”

A alcaldesa de Lugo destapou hoxe un monolito en Frigsa co que o Concello recoñece a labor das persoas que loitan a diario pola identidade e mellora deste emblemático barrio.

Destaca o traballo reivindicativo e de animación da vida social e cultural da  Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, que celebran o seu 30º aniversario.

Sábado, 17 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez agradece o “compromiso da veciñanza que traballou e traballa polo crecemento do barrio da Milagrosa”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, foi unha das personalidades homenaxeadas por ‘deixar pegada’ no barrio durante os actos organizados con motivo do 30 aniversario da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, recoñecemento que “sen lugar a dúbidas ten un significado moi especial para min, no só no plano institucional senón tamén persoal, porque é o barrio onde vivo e desenvolvo o meu proxecto de vida familiar e onde estuda e xoga a miña filla”, sostivo a rexedora.

Aproveitando o aniversario do colectivo veciñal, a rexedora destapou un monolito no parque de Frigsa dedicado a toda a veciñanza deste barrio, “un dos máis emblemáticos da cidade e un referente en Lugo grazas ás persoas que loitan a diario pola súa identidade”. Con este monolito, “o Concello de Lugo quere agradecer o compromiso e o labor desenvolvido pola veciñanza que traballou e traballa polo crecemento deste barrio”, destacou Lara Méndez, “persoas como as que hoxe se homenaxean neste acto e como a propia asociación e o seu presidente, Jesús Vázquez, que tanto reivindican e tanto dinamizan o barrio, pero tamén a todos aqueles colectivos sociais que realizan as súas labores na Milagrosa e a toda a cidadanía anónima que leva este barrio no corazón, que fan vida nel e que se preocupan polo benestar dos seus conveciños”.

A alcaldesa tivo unha lembranza especial para a resistencia da Milagrosa durante a pandemia, “ao ser un dos barrios máis prexudicados desde un punto de vista sanitario e económico, pero que está a loitar para saír adiante, e con toda a súa veciñanza está o Concello xa que estamos xa a preparar accións de dinamización social e económica para este verano”.

Lara Méndez lembrou tamén algunha anécdota curiosa do barrio. “Cando reabrimos a Praza da Milagrosa tras peonalizala e humanizala, o primeiro que pensei foi a gran cantidade de bancos que instalamos nela, pero a miña sorpresa foi cando os veciños me pediron un banco máis, un que se colocase diante da igrexa onde alcanzaba o último raio de sol do día. Naturalmente puxémolo, e hoxe en día e unha praza cunha enorme vida, con xente de todas as idades gozando dela”. “E iso é o que queremos potenciar desde o Goberno local, un modelo de cidade amable e verde, sostible, onde gañemos cada vez máis espazos para as persoas e onde podamos facer cada vez máis vida de barrio, onde nos coñezamos e apoiemos”, concluíu

A alcaldesa de Lugo, xunto co resto dos homenaxeados do 30 aniversario da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, deixou a súa ‘pegada marcanco coa man un recadro de caolín fresco de Burela. Tamén realizou un percorrido pola exposición fotográfica “Trinta anos facendo barrio”, que está aberta no Centro Social Municipal da Milagrosa.

Multimedia

  • Lara Méndez agradece o “compromiso da veciñanza que traballou e traballa polo crecemento do barrio da Milagrosa”
  • Lara Méndez agradece o “compromiso da veciñanza que traballou e traballa polo crecemento do barrio da Milagrosa”

Noticias relacionadas