Lara Méndez agradece aos novos talentos deportivos de Lugo a mensaxe de superación que transmiten, “máis necesaria que nunca”

A alcaldesa preside o recoñecemento que o Concello lle rendeu hoxe a 45 deportistas de 14 a 19 anos de Lugo, beneficiarios das bolsas económicas municipais polo seu esforzo.

A rexedora felicitounos polo seu traballo “nun ano de especial dureza pola pandemia no que compaxinastes adestramentos e os estudos, e ademais, conseguistes acadar bos resultados”.

O Goberno local convidou a entregar os diplomas na ‘I Gala Deportistas con Talento’ á atleta Adiaratou Iglesias, ás triatletas Iria Rodríguez e Natalia Hidalgo e á piragüista Valeria Romero.

As becas Deportistas con Talento naceron en 2008 e, desde entón, a recibiron 600 mozos e mozas como apoio para a súa promoción, práctica e mellora do seu rendemento.

Mércores, 23 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez agradece aos novos talentos deportivos de Lugo a mensaxe de superación que transmiten, “máis necesaria que nunca”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do concelleiro de Deportes e Xuventude, Mauricio Repetto, destacou hoxe o esforzo realizado polos 45 mozos e mozas que recibiron as becas municipais Deportistas con Talento. Mocidade que hoxe foi a protagonista da ‘I Gala Municipal Novos Talentos Deportivos’ que organizou o Concello para homenaxealos.

A rexedora felicitounos pola súa loita por acadar os seus soños deportivos “nun ano de especial dureza pola pandemia e polas continuadas restricións sanitarias, pero no que fostes capaces de compaxinar a dureza dos adestramentos e das competicións, cada un nas vosas disciplinas, cos estudos e, ademais, acadar bos resultados”. “Transmitídesnos a todos, a pesar da vosa mocidade, unha mensaxe de superación das adversidades e de capacidade de resistencia e adaptación que é máis necesaria que nunca, polas circunstancias tan complexas que atravesamos como sociedade", sostivo.

Méndez mandoulles, á súa vez, unha mensaxe de ánimo a estes mozos e mozas, “porque queremos que este recoñecemento público actúe como un elemento motivador para que sigades adestrando e estudando coa mesma ilusión e a mesma enerxía”. “Son as persoas que, como vós, coñecen o valor do esforzo as que garantirán que Lugo medre cheo de vida e as que axudarán a seguir transformando o noso municipio”, incidiu.

A ‘I Gala Novos Talentos Deportivos’, que se celebrou esta tarde nos xardíns do Miño, diante do Pazo de Feiras, homenaxeou a 45 mozos e mozas, de 14 a 19 anos de idade, que acadaron as becas para deportistas de disciplinas individuais con talento que o Concello entrega desde o 2008 a aqueles que participaron en eventos deportivos con resultados relevantes, a nivel autonómico ou nacional, co fin de apoiar a promoción, práctica e mellora do seu rendemento, e que valoran tamén o seu esforzo académico. Desde a súa creación, foron receptores das mesmas preto de 600 deportistas.

Durante este acto, guiado por Jacobo Gómez, outorgóuselles un diploma de recoñecemento, entrega na que tamén participaron as deportistas lucenses Adiaratou Iglesias, atleta Internacional e actual campioa europea de 100 metros; Iria Rodríguez e Natalia Hidalgo, triatletas internacionais e campioas de España de relevos mixtos e subcampioas de clubes, e Valeria Romero, piragüista e 14 veces campioa de España Absoluta.

Os beneficiarios deste ano practican oito disciplinas deportivas individuais: atletismo, natación, tiro, orientación, tríatlon, péntatlon, karate e piragüismo. Entre eles, dúas persoas con capacidades diferentes, Maximiliano Óscar Rodríguez, que representou a España nos Xogos Paralímpicos do Verán 2008 e os Xogos Paralímpicos do Verán de 2012, e Mauro Rodríguez, que bateu o récord de España de 200 volvoreta.

No ecuador, Diana, Adriana, Alba e Xonxa, alumnas da escola de danza Star Dance, realizaron unha exhibición de baile contemporáneo, denominada ‘Alento’. Á Gala acudiron máis de 130 persoas xa que os e as deportistas estiveron arroupados polas súas familias e por compañeiros.

Multimedia

  • Lara Méndez agradece aos novos talentos deportivos de Lugo a mensaxe de superación que transmiten, “máis necesaria que nunca”

Noticias relacionadas