Lara Méndez adquire o compromiso de Feijóo de apoiar a Estratexia Lugo Transforma e de estudar o centro de saúde para o Sagrado Corazón

A alcaldesa de Lugo falou da necesidade de retomar a construción do Museo da Romanización de Galicia, e o presidente da Xunta comprometeuse a retomar esta cuestión.

Nesta primeira reunión de mandato, a rexedora agradeceu a receptividade de Feijóo e os investimentos xa previstos, e lembroulles temas pendentes como finalizar a Rolda Este.

Venres, 13 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez adquire o compromiso de Feijóo de apoiar a Estratexia Lugo Transforma e de estudar o centro de saúde para o Sagrado Corazón

A alcaldesa Lara Méndez trasladoulle hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, os proxectos que desenvolve o Concello de Lugo para reforzar o municipio nesta crise socioeconómica provocada pola emerxencia sanitaria da pandemia, e amosou a súa confianza en que o Goberno galego axude con recursos a que “Lugo aproveite esta recesión para a súa transformación social e económica, que debe ser acorde co modelo de cidade pola que apostamos, de vangarda e sostible”, indicou a rexedora.

Na reunión, a primeira que a rexedora mantén con Feijóo neste mandato municipal, avanzoulle que o Concello acaba de lanzar a Estratexia Lugo Transforma, coa que mobilizará 12 millóns de euros a través da constitución dun fondo público emprendedor para a captación de novos investimentos para a cidade, atraer empresas que xeren un alto impacto social e medioambiental e crear emprego sostible.

Esta Estratexia, coa que o Concello entrará no capital das empresas de sectores estratéxicos para impulsalos, está aberta á participación de outros investidores tanto públicos como privados. “Sería desexable que a Xunta de Galicia estivese apoiando a Lugo neste gran cambio económico que nos permita diversificar as nosas forzas produtivas e saír con máis forza desta crise, xa que somos unha cidade especialmente dependente do sector servizos, que é un dos que peor está a aguantar a recesión”, incidiu Lara Méndez.

Neste senso, o presidente avanzou que a Xunta tamén leva nos seus orzamentos para o 2021 un importante fondo de risco co mesmo obxectivo, e comprometeuse a coordinar ambos os dous “para ser máis potentes captando investimentos para Lugo”.

Méndez pediu, ademais, ao presidente da Xunta axilidade na urbanización do solo industrial das Gándaras, zona na que están previstas unha segunda e terceira fase, “xa que debemos ter a capacidade conxunta, as dúas administracións, de dar unha resposta rápida ás peticións de terreos para non perder oportunidades, tan importantes para a creación de postos de traballo no municipio”.

A alcaldesa amosou a súa preocupación polas incidencia da pandemia tamén no eido social, e lembrou que a lista de espera por unha vivenda pública é de preto dun milleiro de persoas, que pode aumentar aínda máis pola situación económica. “Desde o Concello gastamos ao ano preto de 800.000 euros en axudas á vivenda, pero é importante que O IGVS desenvolva o solo que ten pendente para este fin na cidade”, para non deixar desprotexida á veciñanza cando máis o pode necesitar.

Lara Méndez, ademais de trasladarlle estes temas moi vinculados a afrontar a pandemia en Lugo, falou con Feijóo da oportunidade de construír un novo centro de saúde para o barrio do Sagrado Corazón nas dependencias que quedarán valeiras no actual colexio en canto se trasladen as súas instalacións ao novo centro escolar que a Xunta está a finalizar. Feijóo prometeu a estudar esta ubicación e a cesión das instalacións, que non son ni do Concello de Lugo ni da Xunta.

Respecto aos compromisos adquiridos anteriormente polo Goberno galego para a cidade, a alcaldesa lembrou a importancia de retomar o proxecto do Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando, “unha demanda unánime da sociedade lucense”, que Feijóo se comprometeu tamén a retomar. Así mesmo, ambos dirixentes falaron de avanzar en obras como a Rolda Este, de especial importancia para desconxestionar o tráfico en determinados puntos do casco urbano e periurbano, ou na Estación Intermodal.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a valoración da Reunión con Feijoó | Descargar mp3

Noticias relacionadas