Lara Méndez activa un ambicioso Plan de Formación para que 1.120 lucenses atopen ou melloren o seu emprego

A Xunta de Goberno aprobaba esta mañá as bases da contratación, dividida en catro lotes e que abranguen contidos sociosanitarios, de creación de páxinas web, competencias en linguaxe e matemáticas e formación online.

Lara Méndez: “o noso obxectivo é proporcionar á cidadanía maiores oportunidades laborais, adaptadas ás novas condicións do mercado actual, favorecendo a súa promoción profesional e fomentando a súa inserción”.

O Concello investirá 152.000 € nesta iniciativa que se enmarca na estratexia de recuperación económica do municipio, dotada con máis de 20 millóns de euros.

As adxudicatarias deberán realizar, alomenos, unha acción de sensibilización en materia de igualdade e axustar o horario lectivo para propiciar a conciliación familiar do alumnado.

Mércores, 21 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez activa un ambicioso Plan de Formación para que 1.120 lucenses atopen ou melloren o seu emprego

O Executivo de Lara Méndez destinará 152.369 euros a un novo Plan de Formación dirixido, nesta ocasión, a 1.120 persoas desempregadas. Unha iniciativa que ten por obxectivo, proporcionar á cidadanía o acceso aos certificados profesionais en diferentes sectores, acadando maiores oportunidades laborais segundo as condicións do mercado actual, favorecendo a súa promoción profesional e fomentando a súa inserción.

“Trátase – segundo sinalou a propia rexedora – dunha mostra máis do noso compromiso polas políticas activas de emprego, nun momento especialmente delicado pola situación de pandemia mundial, sen precedentes, que nos tocou vivir. E que, nunha etapa de crise nos obriga a aproveitar oportunidades para reinventarnos atopando na formación a ferramenta indispensable para levalo a cabo”.

Baixo esa premisa, a Xunta de Goberno Local aprobaba hoxe a apertura do procedemento de contratación desta iniciativa que se enmarca dentro da Estratexia Global de Dinamización, Reconstrución e Reactivación da Economía Local do Concello de Lugo deseñada por Lara Méndez xa en marzo de 2020.

Os pregos, elaborados pola área de Desenvolvemento Local, recollen a esixencia de que as empresas adxudicatarias asuman tanto a organización como a programación, execución e divulgación de diferentes accións formativas con docencia especializada en catro bloques ou lotes: a atención a dependentes, a creación de páxinas web, a adquisición de competencias clave en matemáticas e na linguaxe, con 15 prazas en cada un dos módulos, e outro máis enfocado á impartición de docencia online con alcance para 1.000 persoas.

A alcaldesa explicou que a escolla destes contidos “obedeceu á necesidade de que os perfís laborais actuais se axusten ás carreiras profesionais con maiores expectativas de inserción, tendo en conta os novos condicionantes do mercado de traballo”.

“Por iso – engadiu Méndez – o primeiro dos lotes versará sobre formación en atención a persoas dependentes co ánimo de adquirir destrezas sobre o apoio na recepción e acollida destas persoas en institucións sociais, a organización de actividades, animación sociocultural, e mesmo para mellorar a comunicación con elas”.

A rexedora deu conta, alén, de que o lote número 2 centrarase na confección e publicación de páxinas web - “xa que a COVID-19, puxo de manifesto a necesidade de contar con persoal cualificado nesta materia e sería un erro ignorar que o tecido empresarial tende á súa transformación dixital, a través da incorporación das Novas Tecnoloxías para as súas vendas, visibilidade e presencia nas redes”.

A competencia xeral deste módulo oriéntase á creación de páxinas web integrando textos, imaxes e outros elementos, utilizando a linguaxe de marcas e editores apropiados - segundo especificacións e condicións de usabilidade dadas - e realizar os procedementos de instalación e verificación das mesmas no servidor correspondente.

En canto ao terceiro lote, que contará con dúas edicións para cada unha das tres especialidades que recolle, persegue a obtención de competencias clave tanto en matemáticas (identificar os elementos matemáticos presentes na realidade e aplicar o razoamento matemático na solución de problemas relacionados coa vida cotiá, utilizando os números e as súas operacións básicas, as medidas, a xeometría, a álxebra e a análise de datos) como en comunicación en lingua galega e castelá (comprensión adecuada do contido fundamental de textos escritos sinxelos e producións orais, participar en interaccións orais respectando as normas de convivencia así como a construción de textos sinxelos relacionados coa vida profesional e cidadá, con coherencia e cohesión textuais, e corrección gramatical).

A este respecto, a alcaldesa destacou a valía dos “certificados de profesionalidade” que obterán as e os beneficiarios do Plan, “como unha das ferramentas cada vez máis importantes para a mellora da empregabilidade” e indicou, que se ben as persoas asistentes á formación que se imparte no Lote 1 e 2 obterán a habilitación para poder exercer xa neses sectores, o alumnado da oferta lectiva correspondente ao Lote 3 adquirirá as competencias clave que resultan chave para acceder logo á formación de nivel superior e á correspondente certificación profesional.

Xa para finalizar, o último dos bloques, terá un alcance de 1.000 persoas ás que se lles ofertarán cursos online mediante unha plataforma telemática.

“Impartiranse un mínimo de 100 accións formativas pertencentes a diferentes familias profesionais (actividades físicas e deportivas; administración e xestión agraria; artes; comercio e márketing; edificación e obra civil; electricidade e electrónica, enerxía, informática; mantemento de vehículos, imaxe persoal, etc) desenvolvéndose todas elas a través de aulas virtuais titorizadas por docentes especializados”, referiu Lara Méndez que mencionou que algúns cursos como o de manipulador de alimentos, ofimática, community manager ou xestión de vendas serán de obrigada oferta.

“Debido ao contexto actual, considérase fundamental desenvolver actuacións prioritarias e eficaces pertencentes a diferentes eidos e sectores preofesionais, co obxecto de capacitar e axudar a mellorar a empregabilidade da cidadanía, favorecendo a utilización de ferramentas dixitais e fomentando o desenvolvemento neste tipo de competencias”, sostivo a rexedora.

Lara Méndez explicou, asemade, que o período de actividade desta plataforma online será dun ano e a matriculación de persoas interesadas nas diferentes accións permanecerá aberta os sete días da semana, as 24 horas do día.

Alcance e contido do Plan de Formación

A alcaldesa de Lugo referiu que este Plan conleva para as adxudicatarias dende a selección das persoas beneficiarias - previa comunicación á correspondente Oficina de emprego do SPEG - á impartición da docencia específica nas especialidades relacionadas anteriormente, a mecanización e xestión da documentación de toda a formación adxudicada, así como o establecemento do seguimento continuo das e dos participantes a través do acompañamento e titorización, ao longo da súa formación.

As empresas interesadas en concorrer á convocatoria deberán presentar unha memoria detallada das accións a desenvolver, con descrición da metodoloxía a empregar, temporalización, instalacións, persoal adscrito, ferramentas informáticas, instrumentos de avaliación e deberán adxuntar, ademais, outra memoria co plan de divulgación e difusión así como dispoñer dos medios técnicos para o correcto desenvolvemento das actividades, a maiores de contar con profesorado que reúna as condicións esixidas na lexislación.

“É fundamental tamén – subliñou Lara Méndez – que presenten alomenos dous compromisos ou convenios asinados con diferentes entidades relacionadas coa temática da acción formativa onde o alumnado poida realizar as prácticas non laborais correspondentes ao certificado de profesionalidade, e que acrediten a súa solvencia técnica coa realización, como mínimo, de 3 accións formativas similares de 300 horas en cada unha”.

Os labores de docencia especializada das horas teóricas realizaranse nas instalacións e as aulas das que dispón o Concello de Lugo - no seu centro de formación e orientación laboral Espazo>Lab -, en aulas homologadas pola Xunta de Galicia ou noutras habilitadas para o mesmo fin.

“A premisa é que as clases se realicen de forma presencial mais, en previsión de posibles limitacións ou restricións orixinadas pola evolución da pandemia, as adxudicatarias terán que establecer medidas de actuación para o seu desenvolvemento de forma telemática”, indicou a rexedora.

Xa para concluír, Lara Méndez trasladou tamén que “deberán realizar, alomenos, unha acción de sensibilización en materia de igualdade e perspectiva de xénero e axustar o horario lectivo para propiciar a conciliación familiar do alumnado, que poderá dispoñer dunha axuda económica ou bolsa municipal que cubra até o 75% do IPREM, suxeita sempre e, en calquera caso, á súa asistencia”.

O Concello efectuará, pola súa parte, os correspondentes controis tanto de asistencia como de cumprimento do contrato, durante a realización das accións pero tamén de forma previa e posterior ás mesmas.

Este novo Plan de Formación engádese á iniciativa Fórmate Lugo coa que o goberno de Lara Méndez impartiu, tralo confinamento, máis de 50 cursos a 500 persoas, empresas e autónomos da cidade co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade e a viabilidade dos seus negocios e tamén ao Fórmate Xa, un programa da área de Xuventude con 6 accións de formación no sector agroalimentario e de servizos – onde faltan profesionais - dirixido á un cento de mozas e mozos de 18 a 35 anos.

Medidas que se suman aos 3 millóns de euros das axudas directas do Reanima, ás artelladas agora a través do 1% do orzamento e da Dinamización Económica dos Barrios – dotadas de 1 e 1’4 millóns de euros, respectivamente; á Estratexia Lugo Transforma – que mobiliza 12 millóns de euros máis – ou á Mesa para a Diversificación Industrial cos que o executivo local supera un investimento global de 20 millóns de euros para loitar polo crecemento da cidade e o mantemento dos postos de traballo.

Resumo Plan de Formación

LOTE

CONTIDO

HORAS

PRAZAS

CUSTO

Nº1

Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións

 

450

15

29.384 €

Nº2

Confección e Publicación de Páxinas Web

 

560

15

36.039 €

Nº3

Comunicación en Lingua Galega

 

25 e 2 edicións

15 cada edición

36.384 €

Comunicación en Lingua Castela

 

120 e 2 edicións

15 cada edición

Competencia Matemática

 

120 e 2 edicións

15 cada edición

Nº4

Cursos Formativos Online Plataforma de Teleformación

Mínimo 100 cursos

1.000

50.559 €

 

TOTAL PLAN FORMACIÓN

 

1.120

 

152.369 €

 

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Plan de Formación | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez activa un ambicioso Plan de Formación para que 1.120 lucenses atopen ou melloren o seu emprego

Noticias relacionadas