Lara Méndez acorda cos arquitectos un labor conxunto para axilizar a tramitación de licenzas coa emisión de informes de idoneidade que avalará o COAG

A alcaldesa abordou coa presidenta do Colexio lucense os termos da colaboración coa que se pretende acurtar os tempos dos procedementos urbanísticos.

A medida obedece ao compromiso dado pola rexedora ao inicio do mandato de mellorar os protocolos internos para incrementar a eficacia da Administración.

O convenio complementa a entrada en vigor, o pasado 18 de abril, dunha nova Instrución que permite ao Concello outorgar a licenza de obra maior só presentando un proxecto básico.

Xoves, 12 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez acorda cos arquitectos un labor conxunto para axilizar a tramitación de licenzas coa emisión de informes de idoneidade que avalará o COAG

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de manter un encontro, no Concello, coa presidenta do Colexio de Arquitectos de Lugo, Carmen Figueiras, para presentarlle a nova instrución ditada polo Coordinador de Urbanismo que, dende o pasado 18 de abril, permite ás e aos promotores de obra maior, iniciar a tramitación da licenza presentando só un proxecto básico.

Unha medida que obedece á vontade da rexedora de axilizar en todo o posible a súa tramitación burocrática e que abordou polo miúdo coa representante do COAG á que tamén lle propuxo explorar novas vías de colaboración entrámbolos dous organismos para que esa cooperación redunde na celeridade dos procedementos administrativos.

Así, Lara Méndez lle trasladou a Carmen Figueiras a posibilidade de que o Colexio, como corporación de dereito público, colabore coa Administración na realización - a instancia do/a interesado/a - dun Informe de Idoneidade Técnica e Urbanística co que se acredite que o proxecto de execución que segue ao básico entregado inicialmente, concorda coas indicacións técnicas validadas no primeiro.

Méndez propúxolle artellar un protocolo polo cal, o COAG actuará como colaborador da Institución local pasando a ser a entidade habilitada para redactar o documento que avale a devandita concordancia.

Para iso, artellarase unha Comisión de Seguimento e outra de tipo Técnico Mixta, esta última na que quedarán determinados, de conformidade co departamento municipal, cales son os requisitos ou os aspectos técnicos e urbanísticos que, de xeito imperativo, deben figurar no informe.

Esto posibilitará que o Concello poida avanzar con maior dilixencia na resolución dos procedementos, permitíndolle centrar a súa función nun labor máis fiscalizador ou inspector orientado a verificar a conformidade da obra coa licenza outorgada.

“Pasaríase, así, de ter que presentar o proxecto básico e o de execución simultaneamente, recaendo toda a capacidade de revisión e contraposición normativa nos técnicos municipais, a poder outorgar ás e aos particulares a licenza da obra só co proxecto básico, sempre que este cumpra cos requirimentos esixidos. De maneira que, sabendo que ten autorización, o/a promotor/a poderá encargar, a continuación, o proxecto de execución, que se deberá acompañar dunha declaración responsable sobre á súa adecuación ao básico, e, se o considera, solicitar ao COAG – que fixará as tarifas correspondentes - o informe de idoneidade que permitirá avanzar con maior celeridade na conclusión do expediente e que suporá un selo de calidade outorgado pola oficina de visado do Colexio”, explicou Lara Méndez.

Unha proposta que, segundo a rexedora, foi ben recibida por parte da presidenta dos/as arquitectos/as lucenses e na que ámbalas dúas dirixentes afondarán nos vindeiros días co ánimo de perfilala e poñela en marcha para acompasar o traballo conxunto dos técnicos e profesionais das dúas organizacións.

“Trátase dunha alternativa aos protocolos de funcionamento polos que se rexía ata o de agora a área de Sostibilidade Urbana e coa que avanzamos no compromiso, xa anunciado, de ir modificando as dinámicas internas en prol de que a nova operativa e a progresiva modernización do Concello redunde na cidadanía, pero sempre, iso si, como garante do servizo público, nunca de intereses particulares”, concluíu a alcaldesa.

Noticias relacionadas