Lara Méndez acompaña aos participantes nas visitas guiadas do Concello ao novo bosque urbano das Gándaras

As persoas interesadas poden solicitar a súa inscrición a través do enderezo lifealcaldia@lugo.gal Celebraranse todos os venres, sábados e domingos.

Sábado, 14 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez acompaña aos participantes nas visitas guiadas do Concello ao novo bosque urbano das Gándaras

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, acompañaron aos participantes nas visitas guiadas organizadas polo Concello ao bosque urbano das Gándaras. Trátase da primeira ocasión na que se abre este espazo ao conxunto dos lucenses, pois ata o de agora a vexetación atopábase en período de implantación e o acceso ás parcelas limitouse ao persoal da Universidade, encargado de realizar tarefas de investigación e mantemento das diferentes especies.

As visitas guiadas ao bosque urbano das Gándaras, que se celebran todos os venres, sábados e domingos de agosto e setembro son de balde, previa preinscrición a través do enderezo electrónico lifealcaldia@lugo.gal e nelas se aplican todos os protocolos de seguridade sanitaria para eventos en exteriores, cun máximo de 20 persoas por sesión e actividade. O executivo municipal puxo en marcha esta nova zona verde no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico.

Visitas guiadas

Estas visitas serán desenvolvidas por guías profesionais que acompañarán ás persoas asistentes a través dos traballos no bosque urbano, repartindo as visitas en tres roteiros, dous en horario de mañá, específicos, e un completo pola tarde.

Na quenda da mañá serán:

  • Ás 10:00 h, visita á área de Frondosas, Cultivos enerxéticos e o Souto. Duración estimada, unha hora.
  • Ás 11.30 h, visita á parcela de Aromáticas, Arboretum e Humidal das Gándaras-O Ceao. Duración estimada, unha hora.

Na quenda da tarde:

  • Ás 17:00 h, roteiro completo comezando na Área de Frondosas, Cultivos enerxéticos, Souto, Parcela de Aromáticas, Arboretum e Humidal das Gándaras-O Ceao. Duración estimada, dúas horas.

Xornadas de portas abertas e obradoiros infantís

As xornadas de portas abertas terán lugar, igualmente, todos os venres, sábados e domingos de agosto e setembro en horario de 9:30 a 19:30 horas. Finalmente, celebraranse obradoiros dirixidos ao público infantil, que incluirán un contacontos e unha visita ao bosque urbano mentres se difunden valores medioambientais e sociais relativos ao monte e ao seu coidado.

Noticias relacionadas