Lara Méndez acompaña aos comerciantes da Praza de Abastos na súa reinstalación e interésase pola súa situación

A alcaldesa quixo acompañar aos praceiros, xa a primeira hora, na súa volta ás instalacións logo dunha intervención que quedou definida no anterior mandato, só pendente de executar.

A rexedora destacou o investimento público realizado, en torno aos dous millóns de euros “cos que non só melloramos o recinto en todas as súas vertentes senón que tamén incrementamos o seu valor e interese turístico”.

Venres, 08 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez acompaña aos comerciantes da Praza de Abastos na súa reinstalación e interésase pola súa situación

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola tenente de alcaldesa e concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos e polo voceiro do goberno municipal e edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, visitou hoxe a Praza de Abastos para saudar e interesarse pola situación dos comerciantes, que esta mañá regresaban aos seus postos, logo da última remodelación que tivo lugar nas instalacións municipais.

A alcaldesa quixo estar a primeira hora na praza, cando os praceiros se estaban a instalar, para comprobar in situ o resultado deses traballos e escoitar tamén as suxestión e impresións dos comerciantes, que son de Lugo e do resto da provincia.

Os mesmos trasladáronlle as súas boas sensacións polas obras acometidas e falaron dalgunhas deficiencias na organización deste primeiro día da asignación de postos. Lara Méndez comprometeuse a realizar un seguimento do funcionamento e da capacidade das dependencias “coa finalidade de que poidan aproveitar ao máximo a súa versatilidade como era o noso obxectivo cando deseñamos o proxecto de reforma”, sinalou ao tempo que lembrou que a intervención xa quedara definida no anterior mandato, “só pendente de executar, que é o que fixemos agora, ao igual que aconteceu coa peonalización e humanización de Quiroga Ballesteros”.

A intervención, que se programou inicialmente ao abeiro do Plan Urban, supuxo, en total, un investimento público en torno aos dous millóns de euros.

Lara Méndez abondou que a rehabilitación realizada pon de manifesto “o compromiso do Executivo local pola dinamización desta contorna e, nomeadamente, da Praza e o Mercado pola importancia que estes espazos teñen como foco de atracción turística, porque axudan á protección de edificios emblemáticos nos que están situados e ademais promoven hábitos de alimentación saudables e favorecen a economía local grazas a que se consumen máis produtos autóctonos, de proximidade, e son, en definitiva, lugares de convivencia veciñal e familiar”, referiu a alcaldesa.

Entre as obras realizadas figura o cambio da cuberta do edificio, a modificación da entrada á planta semisoto e da fachada, o aproveitamento da superficie comercial, cunha nova distribución dos usos así como diversas melloras na eficiencia enerxética e na xestión de residuos.

“O que supuxo avanzar no modelo de cidade sostible que defende Lugo pero tamén na estética das instalacións e no seu confort ao gañar en visibilidade en todo o interior do edificio e ampliar as zonas de tránsito, poñendo en valor o noso patrimonio histórico e cultural xa que, asemade, fomos quen de recuperar parte da calzada romana que quedou ao descuberto no túnel que comunica o recinto comercial co estacionamento soterrado de Santo Domingo, avanzando tamén na comodidade para as e os usuarios, especialmente nos días de choiva ou moito frío”.

A alcaldesa destacou igualmente o traballo en materia de accesibilidade que se levou a cabo na Praza, onde se instalou un novo ascensor e se favoreceu a comunicación entre pisos cunha rampla, ademais de adaptar o espazo para o mercado de martes e venres así como para outro tipo de eventos.

Multimedia

  • Lara Méndez acompaña aos comerciantes da Praza de Abastos na súa reinstalación e interésase pola súa situación
  • Lara Méndez acompaña aos comerciantes da Praza de Abastos na súa reinstalación e interésase pola súa situación
  • Lara Méndez acompaña aos comerciantes da Praza de Abastos na súa reinstalación e interésase pola súa situación
  • Lara Méndez acompaña aos comerciantes da Praza de Abastos na súa reinstalación e interésase pola súa situación

Noticias relacionadas