Lara Méndez acode aos Next Generation para impulsar un ambicioso proxecto turístico de enograstronomía na Fábrica da Luz

A rexedora agarda conseguir financiación europea para rehabilitar o inmoble con parámetros sostibles e acorde á revitalización xa iniciada na contorna do Miño.

Cumpre así o seu compromiso público de recuperalo e poñelo á disposición da cidadanía para o seu desfrute.

A iniciativa enmárcase na estratexia de sostibilidade turística deseñada por Méndez, co patrimonio local material e inmaterial como principais protagonistas.

O Concello abrirá agora un proceso de participación pública para perfilar os detalles do proxecto que tamén se abordará nunha mesa de diálogo cos principais axentes sociais da cidade.

Sábado, 07 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez acode aos Next Generation para impulsar un ambicioso proxecto turístico de enograstronomía na Fábrica da Luz

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe que recorrerá aos fondos europeos Next Generation para impulsar, dende o Concello de Lugo, un ambicioso proxecto baseado na enograstronomía, por ser esta un factor prioritario este ano nas políticas turísticas dos Gobernos central e autonómico, ao abeiro do Plan Estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

“A nosa cidade é un destino que basou o seu crecemento en tres piares esenciais que tamén teñen contribuído a posicionala: a historia, que ten a súa pegada máis recoñecida nos tres Bens Mundiais que posuímos (a Muralla, a Catedral e o Camiño Primitivo), a gastronomía que xa se identifica no afamado lema “E para comer, Lugo”, co que se puxo en valor tanto a calidade da materia prima como a da súa elaboración, e a natureza, xa que nos atopamos integrados na Reserva da Biosfera Terras do Miño”, explicou.

“O obxectivo é alcanzar segmentos de visitantes que valoren ese bo comer que nos caracteriza como un elemento motivador da viaxe, ofrecendo reclamos patrimoniais e paisaxísticos, e que esa tríade sexa o fundamento do modelo de turismo sostible e de calidade que nos defina nos vindeiros anos”, afirmou a rexedora.

Lara Méndez avanzou tamén que, dentro dos eixes previstos na convocatoria dos Fondos Europeos e encamiñados a favorecer a transición verde, o Goberno local pretende recuperar na ribeira do Miño o edificio da Fábrica da Luz como un centro de enogastronomía.

“A intervención se encadrará na envolvente do inmoble e na utilización de elementos pasivos para adaptar a construción ao cambio climático, que posteriormente poderá ser xestionada a través dunha colaboración público – privada”, sinalou.

Do mesmo xeito, dáraselle pulo aos produtos de proximidade, con actuacións de obtención de recursos en entornos locais e contará, igualmente, cunha vertente expositiva, como sempre mantivemos, dentro da cal terá moito protagonismo o percorrido histórico da contorna”, revelou a alcaldesa.

Méndez desgranou que o proxecto contemplará outras accións vencelladas á eficiencia enerxética coas que se pretende fomentar o uso da mobilidade eléctrica, establecer sinerxías con pemes do sector turístico e mesmo ofrecerlles formación e asesoramento, ao tempo que progresamos en termos de transición dixital, incorporando novidosas ferramentas de acceso a contidos informativos nas que terán cabida outros proxectos xa iniciados como a divulgación das sendas peonís coas que conta o municipio”, relatou. “E todo iso, en prol de incrementar a nosa competitividade e en consonancia coas esixencias do Plan de Sostibilidade Turística en Destinos”.

A este respecto, a rexedora trasladou, alén, de que o Concello activará un proceso de participación cidadá, tal e como se comprometera, para recoller o sentir da veciñanza lucense e do tecido asociativo, coa intención de avaliar as súas suxestións para perfilar a proposta definitiva coa que a Administración local concorrerá a estas axudas.

“As persoas ou entidades interesadas en participar poden acceder a este cuestionario a través da páxina web municipal para trasladarnos as súas opinións. Suxestións que recolleremos e que serán estudadas para analizar a súa viabilidade, agradecendo de antemán a súa colaboración”, sostivo Lara Méndez.

A alcaldesa lucense adiantou que o Concello creará, asemade, unha mesa de diálogo cos axentes sociais do municipio, con algún dos cales a propia rexedora leva xa tempo abordando os posibles usos e utilidades da Fábrica da Luz, “coa vontade de acadar un gran consenso entorno á iniciativa”, concluíu.

Noticias relacionadas