As actuacións de jazz serán no Círculo das Artes, no Club Clavicémbalo e no bar Ho! Gruf, e o concerto multicultural de Batuko Tabanka, no Centro de Convivencia de Fingoi, o sábado, dende as 19:00 horas
Para a excursión do sábado ao Caurel, dirixida á mocidade, é preciso inscribirse na Casa da Xuventude e para a do domingo polo Camiño Primitivo, na Oficina Municipal de Turismo
O agasayo de Anya, a cargo de Teatro Marionetas Trécola; é o espectáculo teatral do domingo, que arrincará ás 18:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire. O importe das entradas é de 5€ para adultos e de 2,5€ para nenos e nenas
A maiores, o venres, o Vello Cárcere acollerá un faladoiro feminista e a inauguración dunha exposición de pintura do Eixo Atlántico
Esta fin de semana, Lugo volverá ofrecer diversidade de actividades culturais. Dentro da XXVIII edición do Festival de Jazz de Lugo, que organiza a Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, co que colabora o Concello, haberá as seguintes actuacións:
Círculo das Artes (A entrada a todos os concertos é de 12 euros)
- O xoves 15 de novembro ás 20:30 horas, no escenario 1906, terá lugar o concerto do trompetista Fabrizio Bosso Special Quintet.
- O venres 16 de novembro, ás 20:30 horas, no escenario 1906, actuará o grupo de Gilad Hekselman Zuperoctave, con Aaron Parks & Kendrick Scott.
- O sábado 17 de novembro, ás 20:30 horas, no escenario 1906, terá lugar o concerto do grupo Yellowjackets.
- O domingo 18 de novembro, ás 20:30 horas, no escenario 1906, actuará a pianista, vocalista e compositora Sarah McKenzie.
Club Clavicembalo
- O xoves 15 de novembro ás 23:30 horas, terá lugar o concerto de Natanael Ramos Quintet. Entrada: 5 euros.
- O venres 16 de novembro ás 23:30 horas, actuará o Juyma Estévez Trío; e ás 23:55 horas, será o turno de Albert Cirera y els Tres Tambors. A entrada para os dous concertos é de 10 euros.
- O sábado 17 de novembro ás 23:30 terá lugar o concerto da Kike Mora Band, que interpretará temas de Marcus Miller. Ás 23:55 horas será o turno de Saxophobia Funk Project. A entrada para os dous concertos é de 10 euros.
Ho! Gruf (A entrada a todas as actividades é libre ata completar aforo)
- O venres 16 de novembro ás 22:00 horas, haberá unha jazz session a cargo de Sr.Blas.
- O sábado 17 de novembro ás 13:00 horas, terá lugar unha sesión vermú coa actuación de Nastasia Zürcher. Ás 22:00 horas, haberá unha jazz session a cargo de Sr. Blas.
Outra das citas musicais da fin de semana é o concerto do grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña. Será o sábado, 17 de novembro, dende as 19:00 horas, no Centro de Convivencia de Fingoi. Actúan en Lugo no marco da xira por 15 concellos socios do Fondo Galego de Cooperación en todo o ano 2018, co que colabora o Concello, para promover a interculturalidade e a inclusión. A entrada é de balde.
A emigración, a identidade ou a situación da muller son algunhas das cuestións que centran os temas de Batuko Tabanka, que tamén ofrecerá unha charla introdutoria na súa actuación. A agrupación reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante. Así o fan mentres baten con forza e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas, o batuko, e mesmo saíndo bailar nalgunhas cancións.
En canto a outras alternativas, o Concello ofrece dúas andainas: unha ruta ao Caurel- Alto do Couto o sábado, para mozos e mozas de 16 a 30 anos. O prazo de inscrición aínda está aberto, debendo anotarse na Casa da Xuventude, dende onde partirán as persoas participantes ás 08:00 horas. E outra polo Camiño Primitivo o domingo, a partir das 10:30 horas, dentro da programación Terras de Auga e Cultura. Esta excursión, de 17 quilómetros, percorrerá os lugares de San Xoán do Alto, O Burgo, Prógalo, Santaball de Bóveda, Bacurín e San Pedro de Mera. Para participar nesta andaina é preciso inscribirse na Oficina Municipal de Turismo.
Os vindeiros días, concretamente o domingo, tamén haberá teatro familiar, O agasayo de Anya; a cargo de Teatro Marionetas Trécola; unha obra baseada no conto orixinal de Sabela Núñez Singala, respresentada con marionetas de distintas técnicas de manexo dentro dunha escenografía en continuo cambio. O espectáculo, que arrincará ás 18:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire, enmárcase na programación de teatro e danza para familias do Concello e AGADIC. O importe das entradas é de 5€ para os adultos e de 2,5€ para os nenos e nenas. Venderanse na Oficina Municipal de Turismo e no auditorio, desde unha hora e media antes das actuacións.
Lugo tamén ten outros plans para a fin de semana: un faladoiro feminista e a inauguración dunha nova exposición, ambas as dúas actividades o venres no Vello Cárcere.
Ás 20:00 horas, no Salón de Actos, haberá unha conferencia sobre novos conceptos para pensar a violencia: feminicio, a cargo de Carmen Adán. A entrada é libre e gratutía ata completa aforo. Ás 20:30 horas, no patio central, inaugurarase a exposición XII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico.
Audio
- Carmen Basadre sobre as actividades culturais | Descargar mp3