Infraestruturas mellora a adherencia do Carril do Xuízo

Alexandre Penas: “esta rúa ten unha pendente moi pronunciada, o que fai moi complicada a adherencia dos vehículos, especialmente na época de choiva”

No treito inferior, que comunica Fontiñas co Paseo do Rato, renovarase o asfalto debido ao desgaste do actual, cun investimento de 29.026,69€

Mércores, 20 de xaneiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Infraestruturas mellora a adherencia do Carril do Xuízo

O concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, informou que se está a realizar unha actuación para mellorar a adherencia no Carril do Xuízo, en Fontiñas. Alexandre Penas explicou que “esta rúa ten nos dous tramos do seu percorrido unha pendente moi pronunciada, o que fai moi complicada a adherencia dos vehículos, especialmente na época de choiva”, explicou Alexandre Penas, que engadiu “na parte inferior o asfalto está moi desgastado, polo que é preciso renovalo”.

A concellería de Infraestruturas inviste 29.026,69€ na mellora desta rúa. “Trátase dun percorrido moi utilizado pola veciñanza de Fontiñas, polo que esta actuación é moi necesaria para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños”, explicou Alexandre Penas. No treito superior, entre a Ronda das Fontiñas e a rúa Pena Anda, manterase o firme existente xa que presenta un bo estado estrutural, e realizarase unha mellora de adherencia que consistirá no fresado do formigón.

O treito entre a Ronda das Fontiñas e o Paseo do Rato, dado o mal estado do firme, o asfalto actual demolerase e substituirase por unha nova capa de formigón. O novo asfalto será fresado, da mesma maneira que no treito superior, para garantir a máxima adherencia dos vehículos. Esta intervención conta cun prazo de realización de catro semanas.

Audio

  • O concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, sobre o Carril do Xuízo | Descargar mp3

Multimedia

  • Infraestruturas mellora a adherencia do Carril do Xuízo

Noticias relacionadas