Inaugurada a Casa Clara Campoamor destinada ás asociacións de interese social

Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Muller e Servizos Sociais en funcións, Carmen Basadre, inaugurou esta mañá a Casa Clara Campoamor nun acto que tivo lugar ás 12:15 horas e no que tamén participaron a Concelleira de Servizos Xerais en funcións, Luisa Zarzuela, unha representante do grupo municipal do PP e preto de trinta representantes de asociacións de carácter social da cidade. Esta casa, bautizada en homenaxe á parlamentaria Clara Campoamor, defensora do sufraxio feminino en España, está destinada a dar servizo ás asociacións de interese social de Lugo.

A nova dotación social está situada no Parque da Milagrosa e contou cun orzamento de 170.000 euros para a súa construción. Está ubicación é un novo exemplo da recuperación da zona da antiga fábrica de Frigsa para uso cidadán, onde tamén se atopan importantes dotacións como as piscinas municipais, o auditorio, a Casa da Muller, un centro social ou, no futuro próximo, o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).

A Casa Clara Campoamor ten unha superficie de 350 metros cadrados nos que se distribúen sete locais, dous aseos e unha gran sala multiusos. Todas as estancias están adaptadas ás necesidades de mobilidade das persoas con discapacidade. Cada un dos locais conta con conexión telefónica e internet e a sala multiusos servirá de ximnasio e zona de rehabilitación, ademais de espazo para a convivencia.

Tendo en conta que mañá quedará constituída a nova Corporación Municipal, Carmen Basadre aproveitou a ocasión para despedirse dos representantes das asociacións presentes agradecéndolles emocionada “todo o que me ensiñáchedes ao longo destes catro anos e dos que me levo grandes amizades”.

Noticias relacionadas