A I Carreira Popular de Montaña reunirá en Lugo a 350 deportistas

O Concello colabora coa primeira edición deste evento deportivo, que se celebrará o vindeiro 6 de decembro a partir das 11:00 horas

Venres, 04 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentación da I Carreira Popular de Montaña

O voceiro municipal, Miguel Fernández, acompañado do presidente do Club Fluvial, Tito Valledor, presentaron este venres no Salón de Plenos a I Carreira Popular de Montaña, que organiza este colectivo o vindeiro domingo, 6 de decembro, a partir das 11:00 horas. Ao acto tamén asistiu o xefe provincial de deportes de Lugo, Manuel Cadramón, e o vicesecretario do Club Fluvial, Manuel Castiñeira. O Concello colabora con este evento deportivo posto que se enmarca na súa decidida aposta por promover as actividades deportivas ao tempo que se impulsa a cidade de Lugo.

Durante o acto de presentación, Fernández destacou a “alta calidade e o elevado número de participantes que se darán cita nesta I Carreira Popular de Montaña”, pois reunirá en Lugo a 350 deportistas. O voceiro municipal aproveitou a ocasión para subliñar a importancia deste tipo de eventos “para potenciar o noso entorno natural privilexiado”.

Pola súa banda Valledor agradeceu a participación e o apoio institucional para facer posible esta proba ao tempo que fixo fincapé na alta participación deste evento deportivo. Neste senso tamén incidiu Cadramón, quen cualificou aos 350 inscritos como un “número impresionante de deportistas para esta primeira edición da carreira de montaña”.

A saída deste encontro será ás 11:00 horas dende o paseo fluvial, punto de chegada tamén desta carreira. A proba, cun recorrido debidamente sinalizado de 13,9 quilómetros, discorre tanto por estrada ou pistas. Haberá distintas categorías, senior masculino e feminino (ata 39 anos), veteranos A (de 40 a 49 anos), B (de 50 a 59 anos) e C (máis de 60 anos). Os premios entregaranse ás 13:30 horas.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a presentación da I Carreira Popular de Montaña |Descargar mp3

Noticias relacionadas