Hoxe ábrese o prazo para solicitar algún dos 60 postos da I Feira de Artesanía e Gastronomía do San Froilán

Xoves, 14 de agosto de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, informa que dende hoxe pódese solicitar o aluguer dun dos postos da I Feira de Artesanía e Gastronomía do San Froilán. Esta feira celebrarase do 4 ao 12 de outubro no paseo central da Avenida de Ramón Ferreiro.

Establécense dúas categorías, por un lado a de artesanía que está destinada a postos de venta de produtos elaborados de forma artesanal e, por outro lado, a de gastronomía, destinada a postos de venta de produtos de calidade diferenciada ou ecolóxicos.

Nesta feira dispoñerase de 60 expositores montados en stands individuais, cunha dimensión de 3x2x2,90 metros que contan cunha persiana de seguridade enteira, cornixa decorativa e avance frontal dun metro para crear zona de resgardo diante de cada expositor.

A autorización da ocupación terá unha vixencia durante a festa do San Froilán do 4 ao 12 de outubro. Os días 4, 5, 6, 11 e 12 de outubro o horario da feira será dende as 11:00 ata as 00:00 horas e os días 7, 8, 9 e 10 será de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 23:00 horas.

Os prezos establecidos que terá que pagar cada posto son 406,21 euros polo prezo público de uso do stand, 243,79 euros pola taxa por ocupación de vía pública recollida na Ordenanza Fiscal número 152 e 100 euros en concepto de fianza.

Nos criterios de adxudicación dos postos valoraranse distintas cuestións relativas á calidade técnica, á estética ou ao mantemento das técnicas tradicionais dun oficio.

O prazo para a presentación da documentación no Rexistro Xeral do Concello comeza hoxe coa publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia e remata o venres 19 de setembro.

Noticias relacionadas