A historia da Porta Miñá e a Porta de Santiago esperta a curiosidade dos participantes no programa A Voltas polo Camiño Primitivo

Preto de 160 persoas recorreron a ruta xacobea ao seu paso por Lugo coas andainas guiadas gratuítas do Concello

O 20% dos participantes procedían de Madrid. Tamén asistiron viaxeiros procedentes de Cataluña, Andalucía, País Vasco, A Rioxa, Castela A Mancha, Asturias, Francia e Venezuela

Os interesados en participar nun dos 10 paseos restantes aínda poden apuntarse na Oficina Municipal de Turismo, situada na Praza do Campo

Luns, 24 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Preto de 160 persoas participaron nas andainas guiadas gratuítas do programa A Voltas polo Camiño Primitivo: tras os pasos de Alfonso II, postas en marcha polo Concello a principios de agosto para impulsar a ruta xacobea ao seu paso por Lugo. Así o anunciou este luns a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen sinalou que a historia da Porta Miñá e a Porta de Santiago como punto de saída do Camiño esperta a curiosidade dos participantes deste programa. As pinturas murais da Catedral, así como a historia da Capela de San Froilán e da Capela dos Ollos Grandes son outros dos aspectos que sorprenden aos viaxeiros.

Das 6 viaxes que se levaron a cabo ata o día de hoxe, as que rexistraron maior participación foron a do sábado 22 de agosto, con 34 participantes; seguida da do venres 14 de agosto, con 32, e a do venres 21, con 31 viaxeiros. O 56% do total dos participantes son mulleres.

O 20% dos participantes procedían de Madrid. Tamén asistiron viaxeiros procedentes de Cataluña, Andalucía, País Vasco, A Rioxa, Valencia, Castela A Mancha e Asturias, entre outros. En canto a estranxeiros, nestas andainas parciparon franceses e venezolanos.

Carmen Basadre sinalou que “coa posta en marcha deste programa, apostamos polo turismo cultural e por situar a Lugo como porta de entrada a Galicia do Camiño Primitivo de Santiago, co fin de estimular a economía e o turismo lucense”.

Os interesados en participar nun dos 10 paseos restantes poden apuntarse aínda na Oficina Municipal de Turismo, situada na Praza do Campo. As andainas teñen lugar todos os venres e os sábados, ata o 26 de setembro, a partir das 18:30 horas. No caso de quedar vacantes, as persoas interesadas poden sumarse ao grupo na hora de saída. Todas as viaxes discorrerán polo treito urbano do Camiño Primitivo, facendo paradas nos lugares máis sinalados e unha visita á Catedral de Lugo, declarada recentemente Ben Mundial.

Audio

  • Sobre o programa A Voltas polo Camiño Primitivo: tras os pasos de Alfonso II |Descargar mp3

Noticias relacionadas