Grazas á subvención a organizacións non gubernamentais como Taller de Solidaridade conseguiuse unha vivenda digna para 15 familias en Nicaragua

Venres, 22 de novembro de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, o doutor Asención Urbina do Instituto de Promoción Humana de Somoto (Nicaragua) e Rafael Veiga de Diego, coordinador de Taller de Solidaridade, presentaron o proxecto que esta organización non gubernamental desenvolveu en Nicaragua grazas á subvención concedida polo Concello de Lugo para cooperación en países non desenvolvidos.

González Abelleira explicou que “este é o exemplo que demostra que o esforzo que se realiza para poder outorgar as subvencións a organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (ONGD) para a realización de proxectos de cooperación en países menos desenvolvidos ten a súa recompensa” porque “aínda que aqui se está pasando mal por motivos económicos non podemos esquecer que noutros países carecen do básico como pode ser auga potable ou comida”.

Como indicou este proxecto axudou a mellorar as condicións de habitabilidade e salubridade de 15 familias nicaragüenses co apoio económico do Concello de Lugo que no ano 2012 concedeulles unha subvención de 21.725 euros para ese proxecto e cos que se construiu 9 vivendas na comunidade de El Carrizo. Ademais tamén colaboraron o Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade cunha axuda de 16.983 euros mais unha aportación  de 2.892 euros da propia organización Taller de Solidaridade axudaron a construir 6 vivendas máis na comunidade de La Muta, ambas no departamento de Madriz, unha zona desvastada polo furacán Mitch en 1998.

Rafael Veiga, Coordinador de Taller de Solidaridad incidiu en que “hai que ter en conta o esforzo do socio local por representar os intereses das comunidades no proxecto e lograr incluir as necesidades prioritarias da poboación”.

Pola súa parte, Asencion Urbino, deu as grazas polo apoio das institucións xa que “con esta mellora nas vivendas pode evitarse novos contaxios polo mal das chagas producidas por un insecto que se reproduce nas zonas máis pobres”.

Coa financiación solicitada levouse a cabo a rehabilitación de teitos, paredes e chan das casas das vivendas máis afectadas ademais da facilitar o acceso a unha vivenda rehabilitada para 15 familias, melloráronse as capacidades das comunidades en materia de autoconstrución e rehabilitación de vivendas, modificación dos hábitos hixieno-sanitarios e en materia de agricultura biolóxica.

O Concello de Lugo convoca todos os anos a concesión de subvencións a organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (ONGD) para a realización de proxectos concretos de cooperación en países menos desenvolvidos e de sensibilización na cidade de Lugo. Polo tanto, quedan excluídos os axentes de cooperación diferentes das organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, é dicir, empresas, organizacións empresariais, sindicatos, universidades, institucións financeiras, de aforro, formacións políticas e outros axentes sociais e administracións que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento. Así na convocatoria do ano 2013 a cantidade orzamentaria é de 70.500 euros para proxectos de cooperación.

Video explicativo do Proxecto: www.youtube.com/watch

Fotos: www.flickr.com/photos/tallersolidaridad/sets/72157637871076904/

Multimedia

Noticias relacionadas