Gran afluencia de público no San Froilán 2016, que recupera a esencia popular dunhas festas con máis xente na rúa e máis participativa

Carmen Basadre fixo balance dos 9 días destes festexos declarados de Interese Turístico Galego e Nacional, que cumpriu as expectativas do Goberno, estimándose a afluencia de máis de 600.000 persoas

A Asociación Provincial de Hostalería, o comisario do ferial e unha das participantes en Gastroarte avalaron o éxito de afluencia destes festexos

Venres, 14 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Gran afluencia de público no San Froilán 2016, que recupera a esencia popular dunhas festas con máis xente na rúa e máis participativa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, fixo este venres un balance dos nove días de festas do San Froilán 2016, que segundo as estimacións deixou na cidade uns 12 millóns de euros, calculando un gasto mínimo de 20 euros por persoa, ademais dunha ocupación hoteleira que colgou o cartel de completo na fin de semana, tal e como informou en rolda de prensa a edil, que estivo acompañada polo secretario da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APHEL), Jacobo García, polo Comisario do Feiral, José Río, e unha participante na feira Gastroarte, Isabel Lozano, de Vinissi, que avalaron o éxito dos festexos mostrando a súa satisfacción pola gran afluencia de público.

“Para o Goberno cumpríronse as expectativas, estimándose a afluencia de máis de 600.000 persoas durante estes festexos declarados de Interese Turístico Galego e Nacional”, subliñou Basadre, quen definiu ao San  Froilán como “un dos factores máis positivos para o movemento económico da cidade”. Así mesmo, a edil fixo fincapé nuns festexos que recuperaron a súa esencia, “con máis xente nas rúas e máis participativa, nas máis de 200 actividades programadas nesta edición”.

A Praza Horta do Seminario e a Praza de Santa María quedáronse pequenas para algúns dos concertos, sendo as actuacións de Loquillo, Abraham Mateo, Carlos Núñez, Bebe ou o de María do Ceo coa banda municipal ás máis multitudinarias, superando algunhas delas as 7.000 persoas. De feito, hai anos que a Praza Horta do Seminario non se enchía tanto.

En xeral, todas as actuacións lograron un rotundo éxito, como o espectáculo pirotécnico do día inaugural dos festexos, que congregou na Praza Maior a máis de 3.500 persoas, ou as verbenas, que superaron a media de máis de 2.000 persoas en moitos casos, e en distintas ubicacións. “Estes datos responden a un completo programa confeccionado coa mellor das ilusións, dentro das posibilidades económicas do Concello, pensadas en para atraer a todos os públicos, e de todas as idades”, subliñou Basadre.

Un ano máis, os actos máis tradicionais, como o desfile de gando, a ofrenda a Rosalía ou o pregón de Paco Nieto, gozaron de gran participación. Ademais, o San Froilán Miúdo rexistrou unha participación de máis de 8.800 cativos e cativas, sendo o domingo 9, o máis concorrido, con 2.800 nenos.

“Recupérase a esencia, con máis xente nas rúas e máis participativa”, asegurou Basadre, ao tempo que manifestaba que nas rúas próximas ao feiral, o fluxo de persoas aproximouse a 20.000 persoas en horario de tarde-noite e os días festivos ao longo de todo o día. O día de maior afluencia foi o Domingo das Mozas.

Pola súa banda, Isabel Lozano amosouse satisfeita polo cambio de localización de Gastroarte, que nesta ocasión o Concello mudou á rúa Puro Cora, ao recinto feiral, dándolle resposta ás demandas dos participantes en anteriores ocasións. García tamén compartía esta satisfacción polo número de visitantes durante as festas, cunha ocupación hoteleira do 97% o venres 7, o 100% sábado 8, e máis dun 80% o martes, 11, agardadndo boas cifras tamén este fin de semana, polo tirón do polbo e a ponte do Pilar.

En canto aos demandantes de información, pasaron tanto pola Oficina de Información Turística que se habilitou polos festexos, así como pola Oficina de Turismo da Praza do Campo, como polos museos e o Concello, máis de 10.000 persoas.

Agradecementos

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua aproveitou para agradecer a colaboración ás empresas que contribuíron dun xeito ou doutro co San Froilán, así como o traballo realizado pola Policía Local, Protección Civil e os Bombeiros de Lugo, que fixeron que os días de festas se desenvolveran con total normalidade. Do mesmo xeito, tamén tivo palabras de agradecemento para o servizo de cultura, organizador das actividades, e para o municipal de limpeza.

Basadre tamén fixo fincapé na colaboración dos veciños e veciñas do municipio e dos visitantes para que o San Froilán fora de novo un éxtio. Neste punto agradeceu a resposta e acollida das diferentes actividades programadas.

O San Froilán, nas redes sociais

No último mes, o Facebook destes festexos acadou un 30% máis de novos seguidores, cun alcance de 467.000 persoas. O 67% son mulleres, fronte a un 32%, homes. As interaccións con máis reaccións foron a confirmación do concerto de Carlos Núñez, veciños bailando o primeiro día diante da orquestra, a presentación do programa e fogos artificiais. Os vídeos subidos nesta rede tiveron preto de 91.000 reproduccións.

O interese principal en Twitter, que medrou en máis de 220 seguidores no último mes, chegando os tweets a 300.000 usuarios, foron as fotografías do concerto de Abraham Mateo.

Por outra banda, 13.900 usuarios entraron 50.000 veces á páxina web oficial do San Froilán, realizándose o 80% das visitas dende dispositivos móbiles.

Ademais, este ano creouse unha conta de Instagram, un días antes do comezo das festas, sumando un cento de seguidores.

Audio

Noticias relacionadas