Gobernanza simplifica a tramitación dos contratos para acurtar os prazos de licitación

O executivo de Lara Méndez aprobará mañá, en Xunta de Goberno, a delegación de competencias nos diferentes concelleiros co fin de axilizar as adxudicacións menores e reactivar a economía local

A medida súmase a outras xa postas en marcha pola alcaldesa para avanzar na modernización da Administración co fin de acadar a segunda gran transformación do Concello de Lugo

Esta semana concederanse, tamén, 7 licenzas para diferentes actuacións urbanísticas por un importe total de 1’2 millóns de euros

Martes, 29 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Gobernanza simplifica a tramitación dos contratos para acurtar os prazos de licitación

Maior brevidade procedemental e, polo tanto, máis celeridade administrativa. Obras que se licitan máis rápido e tamén servizos que dispoñen antes dos medios que necesitan para poder prestarse con dilixencia á cidadanía.

Esta é a finalidade da delegación de competencias que o executivo local aprobará mañá autorizando aos concelleiros a resolver e adxudicar os contratos abertos simplificados “sumarios”, sen necesidade de trasladar ese trámite á Xunta de Goberno.

“Trátase de expedientes, coñecidos tamén como supersimplificados, xa que o seu importe non supera os 80.000 euros, no caso das obras, nin os 35.000 € para a subministración de servizos. Son pequenas licitacións, que se ben a súa contía non é elevada, si supoñen unha porcentaxe moi importante non só do traballo administrativo municipal senón tamén do volume de negocio do que se nutren as pequenas e medianas empresas da cidade”, indicou Paula Alvarellos.

A responsable de Gobernanza sinalou que a medida contribuirá a reactivar a economía local en tanto “permitirá acurtar en semanas os prazos das adxudicacións, de forma que dende o departamento de Contratación, onde se aprobarán os proxectos e o gasto e apertura das mesmas, se levará un control xeral de todos os procedementos que se acollan a esta fórmula, mentras que os actos de resolución definitiva recaerán nos edís que dirixen as unidades xestoras propoñentes. O feito de non ter que visalos en Xunta de Goberno abreviará a parte burocrática dos procesos, como mínimo en 15 días, sen que se vexa afectada a súa validez nin a súa transparencia”.

Alvarellos destacou que esta delegación de competencias súmase a outras iniciativas xa postas en marcha, como a diminución de protocolos internos de traballo, cos que o executivo de Lara Méndez pretende avanzar na modernización da Administración para acadar a segunda gran transformación do Concello de Lugo.

Xa noutra orde de asuntos, o executivo local outorgará, esta semana, 7 licenzas para diferentes actuacións urbanísticas, entre elas a ampliación dunha nave destinada a almacén de refrixerado de produtos alimenticios, en Fazai, orzamentada en 1.069.920’06 €; a execución de obras de mantemento en conservación nunha vivenda tradicional na parroquia de Santalla de Cuíña, por valor de 7.558’98 €;  a legalización do peche dunha galería nun edificio da rúa Río Chamoso, cun custo de 6.000 € e a instalación de dous ascensores en sendos edificios de Camiño de Pipín e Aviación Española, por importe de 61.020 e 19.253’79 euros, respectivamente.

Igualmente procederase a autorizar a reorganización de tres parcelas no polígono de Currelos de Abaixo así como a modificación do sistema estrutural de ampliación dunha nave de vacas e xatos e dunha corte de silo en Santa Cristina de San Romá, presupostada en 24.902’14 euros.

Tamén será declarada a caducidade dunha licenza, concedida en novembro de 2007, para construír un edificio na rúa Luis Ameijide, pola demora da iniciación e finalización das obras.

Por outra banda, na reunión deste mércores acordarase a apertura dos procedementos de contratación dun servizo de colaboración para a asistencia xurídica en xuízo, por un período dun ano prorrogable por outros dous (20.469 €) e para a subministración dun vehículo para a unidade de atestados da Policía Local, para o que foi aprobado un gasto de 100.000 euros.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre a simplificación da contratación | Descargar mp3

Noticias relacionadas