As gañas de xestionar do Goberno de Lara Méndez permiten a creación dun viveiro de empresas a pé de rúa na Tinería

A Alcaldesa e a Conselleira de Infraestruturas e Vivenda asinaron este martes os convenios de arrendamento de 9 locais, "que redundarán nun importante beneficio para o desenvolvemento, tanto económico como social" do barrio

O CEI-NODUS xestionará o viveiro, e polo tanto, os inmobles rehabilitados con fondos públicos quedan en mans públicas con garantía de continuidade, revalorízandose o investimento público

"Hoxe Lugo ten un incentivo máis para o emprendemento, o que significa seguir reactivando o mercado laboral local e ofrecendo novas oportunidades á sociedade luguesa, convertindo un patrimonio que era desértico nun viveiro de empresas", subliñou a rexedora

Lara Méndez mantivo unha reunión con representantes da Asociación de Veciños, Comerciantes e Empresarios da Tinería, para darlles conta, tras a sinatura dos convenios, do seguinte paso a dar: a elaboración das bases de participación nos alugueiros destes locias comerciais

Martes, 13 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As gañas de xestionar do Goberno de Lara Méndez permiten a creación dun viveiro de empresas a pé de rúa na Tinería

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinaron este martes os convenios de arrendamento de 9 locais do barrio da Tinería, por parte do Concello á Xunta de Galicia, para facer un viveiro de empresas a pé de rúa. Para Méndez, quen manifestou a satisfacción polo acordo logrando entre a identide local e a autonómica, "que redundará nun importante beneficio para o desenvolvemento, tanto económico como social, dun barrio emblemático do casco histórico e da cidade de Lugo", tratáse duns convenios "nos que gaña a cidade".

Ademais, "este acordo vén a amosar as gañas de xestionar do Goberno de Lugo e de poñer en marcha iniciativas, iniciativas que implican diálogo entre as administracións públicas para buscar o beneficio da cidadanía, que é o que nos debe de rexer como administradores do público", destacou a Alcaldesa tras o acto de sinatura, no que se fixo unha entrega simbólica das chaves. 

O acordo é froito da proposta do Goberno Local de crear nos locais comerciais da Tinería un viveiro de empresas a pé de rúa, xestionado polo CEI-NODUS, unhas instalacións municipais avaladas por 13 anos de traxectoria, polas que pasaron un cento de empresas, cunha supervivencia do 80%. Deste xeito, o CEI-NODUS, a través da súa política pública, encargarase de buscar a trazabilidade dos proxectos empresariais, non só participando na súa xestación, senón tamén na súa materialización. Polo tanto, os inmobles rehabilitados con fondos públicos quedan en mans públicas con garantía de continuidade e revalorízase o investimento público.

De feito, dende este centro estanse preparando unhas bases de participación nos alugueiros destes locias comerciais, para o que existe un prazo de dous meses, e outros dous para a apertura de prazos da convocatoira pública e adxudicación dos locais.

Os 9 locais de negocios están ubicados no Recanto do Miño (2), na rúa Miño (2), na rúa Tinería (3) e na Praciña da Universidade (2). O alugueiro é por 5 anos, coa posibilidade de prórrogas anuais. A superficie vai dende os 19m2 aos 106 m2,cunha renda mensual dende os 50 euros ao mes, en función da superficie.

"Hoxe Lugo ten un incentivo máis para o emprendemento e para facilitar a instalación de novas empresas na cidade, o que significa seguir reactivando o mercado laboral local e ofrecendo novas oportunidades á sociedade luguesa, convertindo un patrimonio que era desértico nun viveiro de empresas a pé de rúa, que xerará emprego e oportunidades", subliñou a Alcaldesa, quen puxo en valor a aposta de Lugo pola rehabilitación de espazos públicos, que xa se fixo a través do Plan Urban na zona e que se continuará coa estratexia EDUSI". Este é ademais outro exemplo máis do compromiso do Goberno de Lugo co emprego e especialmente co ámbito emprendedor.

Xuntanza coa Asociación de Veciños da Tinería

Tras a sinatura dos convenios, a Alcaldesa mantivo unha reunión con representantes da Asociación de Veciños, Comerciantes e Empresarios da Tinería, que preside Sonia García, co obxecto de darlles conta tanto da sinatura destes convenios como os seguintes pasos a dar, que pasan, en primeiro lugar, pola elaboración das bases de participación nos alugueiros destes locias comerciais.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez sobre o barrio da Tinería  | Decargar mp3

Multimedia

  • As gañas de xestionar do Goberno de Lara Méndez permiten a creación dun viveiro de empresas a pé de rúa na Tinería

Noticias relacionadas