A Fiscalía dá o visto bo ao procedemento para a creación da empresa mixta da auga

Xoves, 24 de xaneiro de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local aprobou unha modificación da relación de postos de traballo para reforzar as funcións de fiscalización económica e centralizalas na Intervención municipal

O Concelleiro de Urbanismo informou que o Concello recibiu un escrito no que a Fiscalía Provincial de Lugo decreta o arquivo de toda a documentación relativa á creación da empresa mixta da auga ao considerar que se desenvolveu conforme a lei.

No seu momento, explicou Luis Álvarez, o Goberno Municipal, acordara remitir á Fiscalía toda a documentación obrante no expediente relativa a este procedemento para disipar calquera dubida que puidese existir sobre a legalidade do mesmo.

Álvarez tamén lamentou que “teñamos que recorrer á xustiza para disipar calquera dúbida sobre as actuacións municipais” e pediu ao Partido Popular que “fagan as críticas que queiran pero nun ámbito político e non cuestionando constantemente todas as actuacións que lexitimamente desenvolven os funcionarios”.

Neste sentido, matizou que “é totalmente lícito que se cuestione o modelo de xestión ou a oportunidade política pero iso non significa que se teñan que verter acusacións tan graves como fixo Jaime Castiñeira en repetidas ocasións”.

Xunta Goberno Local
O portavoz e Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, tamén deu conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá e na que destaca o acordo de para a modificación da relación de postos de traballo para a integración de parte do persoal do Servizo de Intervención na Tesourería municipal, que é un órgano de xestión económico-financeira, e ademais, a integración do Departamento de Planificación Presupostaria e control de Concesións no Servizo de Intervención.
Luis Álvarez explicou que “esta decisión tómase co fin de reforzar as funcións de fiscalización económica e centralizalas na Intervención municipal”.

Contrato ORA
O Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, tamén informou da resolución do Xulgado Contencioso Administrativo nº 2 de Lugo que “dá a razón ao Concello no procedemento que se estableceu para a adxudicación do contrato do servizo da ORA mediante a creación dun comité de expertos”. Desta maneira, o xulgado avala a proposta feita polos técnicos municipais co cal, proximamente, se convocará a ese comité de expertos e se dará un novo prazo de 15 días para que as catro empresas que se presentaron no seu momento poidan volver enviar a oferta técnica e a nova oferta económica.

Multimedia

Noticias relacionadas