Finaliza o II Plan de Municipal de Reactivación Económica ao que o executivo de Lara Méndez asignou 1.060.000 € en axudas directas

En 24 horas, dende a súa apertura, foron presentadas 730 solicitudes e, a media mañá de hoxe as instancias rexistradas alcanzaban as 900, esgotando o crédito dispoñible.

A rexedora destaca o éxito da convocatoria que foi financiada exclusivamente con recursos municipais alcanzando o 1% do orzamento local para este ano.

Mércores, 21 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Finaliza o II Plan de Municipal de Reactivación Económica ao que o executivo de Lara Méndez asignou 1.060.000 € en axudas directas

O Concello de Lugo anuncia que, tras esgotarse o crédito dispoñible para as axudas directas do II Plan Municipal de Reactivación Económica, esta mañá procedeuse a pechar a convocatoria para concorrer a estas achegas o cal foi comunicado tanto na web como no taboleiro electrónico do Concello ao efecto de que non se presentasen máis solicitudes.

En torno ás 12:00 horas de hoxe había xa ao redor de 900 instancias rexistradas que acaparan o total do orzamento habilitado para estas subvencións, ás que o executivo de Lara Méndez asignou 1.060.000 €, dándose por finalizada a convocatoria.

O abono das mesmas ás persoas que resultaron beneficiarias realizarase nun pago único pola totalidade do importe concedido, mediante transferencia bancaria, a partir da data da resolución da súa concesión.

A rexedora, Lara Méndez, destacou non só o éxito deste II Plan, “que se pode constatar coa avalancha de peticións que tivemos”, senón que tamén quixo poñer en valor o feito de que fora financiado exclusivamente con recursos municipais, acaparando o 1% do orzamento local previsto para este ano.

“Cumprimos así co compromiso acadado coa veciñanza para loitar pola dinamización e a reconstrución da nosa economía, unha mágoa que a Xunta non respondera da mesma maneira facendo o propio cos presupostos autonómicos a pesar de que o resultado desta convocatoria demostra o importantes que son este tipo de axudas directas para os sectores profesionais que o están pasando peor por mor das restricións sanitarias impostas polo goberno galego”, afirmou Méndez ao tempo que lembrou a transcendencia que xa tiveron as achegas do Plan Reanima para as que o Concello mobilizou un total de 5 millóns de euros e que beneficiaron a 3.300 persoas, pemes e autónomos lucenses.

A alcaldesa incidiu igualmente en que “as pequenas incidencias que se rexistraron na Plataforma tiveron lugar en momentos moi puntuais e debido á saturación da web que se produciu nalgúns instantes. Incidencias que se resolveron de forma inmediata, e das que non é allea ningunha administración que habilita iniciativas similares cos mesmos procedementos. De feito, o número de trámitacións cursadas en tan pouco tempo demostra por si só que estivo operativa de forma permanente”, concluíu a rexedora.

Audio

  • A alcadesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o esgotamento do crédito do II Plan de Reactivación Económica | Descargar mp3

Documento

 

Noticias relacionadas