A finais da vindeira semana abrirá o prazo para solicitar prazas de novo ingreso nas escolas infantís municipais

O Concello ofertará 37 prazas de novo ingreso nas escolas Serra de Outes, Gregorio Sanz e Luis Soto Menor, e 31 na María Wonenburguer. As solicitudes deberán presentarse debidamente cumprimentadas no Rexistro Xeral

O Concello abrirá as 4 escolas infantís municipais por primeira vez no vindeiro mes de agosto, para garantir a conciliación ao longo de todo o ano

Sábado, 04 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As catro escolas infantís que creou e mantén o Concello, Serra de Outes, Gregorio Sanz, Luis Soto Menor e María Wonenburguer, abrirán, previsiblemente, a finais da vindeira semana o seu prazo de matrícula para o curso 2017/2018, unha vez que se publique a convocatoira no Boletín Oficial da Provincia, no taboleiro de edictos e na web municipal www.lugo.gal.

O prazo para presentar as solicitudes de ingreso estará establecido en 20 días a partir do día seguinte ao da súa publicación no BOP. As solicitudes deberán presentarse debidamente cumprimentadas no Rexistro Xeral do Concello. En total, as 4 escolas infantís municipais ofrecen 238 prazas para nenos de 0 a 3 anos, das que se reservarán 21 prazas en cada escola para nenos e nenas matriculadas no curso actual e 3 prazas de emerxencia social en cada unha delas.

Deste xeito, o Concello ofertará 37 prazas de novo ingreso nas escolas Serra de Outes, Gregorio Sanz e Luis Soto Menor, 7 prazas de 3 meses a 1 ano, 4 de un a dous anos e 26 de 2 a 3 anos. Por outra banda, a escola María Wonenburguer ofertará 31 prazas de novo ingreso, 7 para cativos de 3 meses a 1 ano, 4 para nenos de 1 a 2 anos, e 20 de 2 a 3 anos.

As escolas infantís Serra de Outes, Gregorio Sanz e Luis Soto Menor contan cada unha delas con 61 prazas, distribuídas en catro aulas: unha de 0 a 1 anos, con 8 prazas, outra de 1 a 2 anos, con 13, e dúas para nenos de 2 a 3 anos, con 20 cada unha. No caso da escola María Wonenburger, dispón de 55 prazas, repartidas nunha aula de 0 a 1 anos con 8 prazas, outra de 1 a 2 anos, con 13, e dúas de 2 a 3 anos, con 17 prazas cada unha. O Concello abrirá as 4 escolas infantís municipais por primeira vez no vindeiro mes de agosto, para garantir a conciliación ao longo de todo o ano.

Ademais, o Concello xa ten terreos para a construción dunha nova Escola de Educación Infantil, dividida en 6 unidades e con 82 prazas, promovida pola Fundación Amancio Ortega, un proxecto prioritario e necesario para a cidade, por mor da ampla demanda de prazas de gardería por parte dos e das luguesas. Trátase duns terreos de 3.800 metros cadrados, dunha parcela de 6.032m2, cualificada como Equipamento Comunitario no PXOM. Dito terreo contará cun fronte de 76 metros que dá a unha rúa de nova apertura, paralela á Avenida Paulo Fabio Máximo, e un fondo de 50 metros.

Noticias relacionadas