Festa do Samaín en Lugo cunha merenda terrorífica, visitas guiadas, obradoiros, xogos, música e o Desfile de Ánimas pola Muralla

Carmen Basadre presentou a programación, que terá lugar do 31 de outubro ao 4 de novembro en diversos espazos, como o centro arqueolóxico de San Roque, a Praza da Soidade e o Vello Cárcere

Venres, 26 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Festa do Samaín en Lugo cunha merenda terrorífica, visitas guiadas, obradoiros, xogos, música e o Desfile de Ánimas pola Muralla

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este venres a programación que organiza o Concello para festexar o Samaín.

As actividades arrincarán o mércores, 31 de outubro cunha actividade familiar, Unha merenda de morte. Trátase dun obradoiro para elaborar unha merenda terrorífica nun antigo cemitero romano, no centro arqueolóxico de San Roque. Deste xeito, haberá un taller de doces propios desta época e unha visita guiada a esta necrópole. O Concello recomenda acudir disfrazados a esta actividade.

Dado que o espazo deste centro municipal é reducido, o número de persoas particpantes limítase a 20 persoas por quenda, previa inscrición na Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, 11, ou a través do teléfono 982251658. O Concello estipulou 4 quendas: unha ás 18:00 horas, 18:45 horas, 19:30 horas e 20:15 horas.

Para os días 1, 2, 3 e 4 de novembro, a entidade local preparou distintas visitas guiadas pola cidade, con saída ás 12:30 horas da Oficina Municipal de Turismo, onde é preciso inscribirse para participar nas rutas Déixate guiar, Vive Lugo.

O sábado, 3 de novembro, dende as 17:30 ás 22:30 horas, haberá obradoiros de cabazas, recortables e pintacaras e diversos xogos na Praza da Soidade. En caso de choiva, as actividades trasladaranse ao Mercado Municipal. Para rematar a xornada, haberá un Desfile de Ánimas polo adarve da Muralla, dende as 21:30 horas. Nel participarán catro asociacións de recreación histórica do municipio: Lugdunum, Trebas Galaicas, Mercenarios Galaicos e Clan de Breogán.

Para rematar a programación, o patio do Vello Cárcere acollerá o domingo día 4, dende as 13:00 horas, o concerto de Kimuro. A entrada é libre ata completar cabida.

Carmen Basadre animou ás familias a participar nesta programación, que ten como obxectivo manter viva unha tradición e e recuperar unha festividade nacida no pobo castrexo.

Audio

Documento

Multimedia

  • Festa do Samaín en Lugo cunha merenda terrorífica, visitas guiadas, obradoiros, xogos, música e o Desfile de Ánimas pola Muralla

Noticias relacionadas