A Feira Medieval e os concertos de Delorean, Riobó e Treixadura marcan a fin de festa do San Froilán 2015

O Concello, que confía en superar os 550.000 visitantes do pasado ano, destaca a gran acollida de toda a programación de concertos

Luns, 12 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Feira Medieval de Lugo 2015

A Alcaldesa, Lara Méndez, inaugurou na mañá deste luns a XVI Feira Medieval, que xunto cos concertos de Delorean, Riobó e Treixadura e outra ducia de actividades poñen a fin de festa ao San Froilán 2015. A rexedora e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, fixeron un balance “moi positivo” dos festexos, que, a falta de contabilizar os visitantes de hoxe, confían en que supere as 550.000 persoas do pasado ano. Méndez e Basadre subliñaron neste senso a gran acollida de toda a programación de concertos, superior ás pasadas edicións. "M-Clan, Auryn, Siniestro Total e Luar na Lubre tiveron cheo total, pero en xeral todas as actuacións acadaron un rotundo éxito de público", asegurou Basadre.

A Feira Medieval, convertida nun referente no San Froilán, vestiu de época a praza Pío XII e o entorno da Catedral, un ambiente que contribuíron a crear os antigos alumnos da Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón. Postos de venda, cetrería, música medieval e queimada son parte das actividades programadas ao longo da xornada, que concluirá cos concertos de Delorean, ás 21.30 na Praza Horta do Seminario, e Riobó e Treixadura, que xunto con Cantigas e Agarimos, subirá a unhas 60 persoas ao escenario, a partir das 19.00 horas, na Praza de Santa María.

Multimedia

  • Feira Medieval de Lugo 2015

Noticias relacionadas