A Feira do Mel de Lugo, 25 anos ofrecendo o mellor do ouro líquido da provincia e da comunidade

Rosana Rielo e Pablo Piñeiro presentaron este certame, que terá lugar este domingo, na Praza da Soidade, de 10:00 a 18:00 horas

Nesta edición daranse cita 13 produtores que porán á venda distintos tipos de mel por un prezo de 7 euros o quilo, e 4 o medio quilo

Venres, 29 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Feira do Mel de Lugo, 25 anos ofrecendo o mellor do ouro líquido da provincia e da comunidade

A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, e o presidente da Asociación Provincial de Apicultores de Lugo, Pablo Piñeiro, presentaron este venres, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a XXV Feira do Mel de Lugo, que terá lugar este domingo, 1 de outubro, na Praza da Soidade, de 10:00 a 18:00 horas. O Concello colabora con este colectivo posto que se enmarca na súa aposta por impulsar a comercialización dos produtos autóctonos.

No acto de presentación, Rosana Rielo fixo fincapé nesta cita, que xa é clásica dentro das actividaes programadas polo Concello previas ao San Froilán. A edil, felicitou á Asociación Provincial de Apicultores polo labor que realizan ano tras ano en canto a divulgación e promoción do sector apícola se refire.

Rielo animou ao pobo lucense e visitantes a achegarse ata a Praza da Soidade a mercar ""o ouro líquido, un produto tradicional e tan representativo da nosa gastronomía".

Pola sua banda, Pablo Piñeiro, quen agradeceu a colaboración e voluntarieade con esta feira por parte do  Concello, fixo un chamamento para que administracións e apicultores loiten contra a vespa velutina e impulsen a apicultura lucense e galega.

Nesta edición daranse cita 13 produtores, que porán á venda distintos tipos de mel de calidade, escuras ou claras, por un prezo de 7 euros o quilo, e 4 euros o medio quilo, mantendo, dende hai moitos anos, os prezos. O número de participantes con respecto a pasadas edicións baixa debido ás sequías, que produciron que non houbera floracións, recolléndose un 60% menos de mel que o ano pasado, tal e como explicou Piñeiro.

Na feira haberá un recuncho infantil, onde os máis pequenos e pequenas poderán pintar ou debuxar, e instalarase unha mesa sobre información sobre a vespa velutina.

Audio

Noticias relacionadas