A fase final do XI Polvorín Cup reunirá en Lugo a 16 equipos de toda España

O Concelleiro de Deportes destacou que o torneo, co que colabora o Concello, xa está plenamente consolidado e por el pasaron importantes equipos

Luns, 20 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A fase final do XI Polvorín Cup reunirá en Lugo a 16 equipos de toda España

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o Deputado de Innovación e TICs, Pablo Rivera, e o director do torneo, Julian Castaño, presentaron este luns no Salón de Plenos a fase final do XI Polvorín Cup, que terá lugar os días 25 e 26 de xuño. Á presentación tamén asistiron patrocinadores deste evento.

Miguel Fernández destacou que “se trata dun torneo que xa está plenamente consolidado e por onde pasaron importantes equipos como Benfica, Madrid, O Porto, Barcelona, Sevilla, Celta, Deportivo ou o Lugo, entre outros”. Ademais na edición deste ano, organizaranse unha serie de eventos, como uns foros de discusión en torno ao fútbol.

Pola súa banda, Pablo Rivera anunciou que “un equipo da Fundación TIC gravará 10 partidos da última fase do torneo, que inclúen cuartos de final, semifinais e final. En total, nesta última fase participarán 16 equipos de fútbol de todo o país”. O canal de YouTube  da Fundación TIC recollerá os encontros íntegros, xunto ás reportaxes que se realicen para difundir na redes sociais e outros medios de comunicación.

Julian Castaño agradeceu a colaboración do Concello de Lugo para poder continuar celebrando este evento, que comezou no ano 2006, “no que participan alevíns de primeiro ano e consolidándose entre os principais torneos que hai en Galicia desta categoría”. A entrada custará 7 euros cada día e unha parte irá destinada á asociación Raiolas Lugo.

Na competición, que se iniciou a pasada fin de semana no campo municipal que dá nome ao torneo, participan un total de 600 rapaces de 40 equipos galegos e do resto de España. Entre os convidados, o Real Club Celta, o R.C. Deportivo, o Villareal e o Sevilla. Toda a información do torneo pode consultarse na web www.polvorincup.gal.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a fase final do XI Polvorín Cup | Descargar mp3

Noticias relacionadas