A exposición itinerante Galegas coma ti, contra a discriminación racial, na Praza Maior ata o 19 de novembro

Ana Abelleira e Ana Louzán presentaron a mostra, que combina textos sobre a igualdade de dereitos das persoas migrantes con fotografías nas que aparecen inmigrantes xunto a persoas galegas de relevancia pública 

Xoves, 10 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A exposición itinerante Galegas coma ti, contra a discriminación racial, na Praza Maior ata o 19 de novembro

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González, e a vicepresidenta da ONGD Viraventos, Ana Louzán, presentaron este xoves a exposición Galegas coma ti, unha mostra contra a discriminación racial coa que se busca promover na sociedade galega unha actitude de acollida e respecto pola diversidade. Trátase dunha exposición itinerante, que arrinca, nesta ocasión, en Lugo e que rematará en Teo, tras pasar por Arteixo e Carballo ao longo de novembro e decembro.

Durante a presentación, a edil subliñou a tarefa realizada por Viraventos, que naceu en 2007 para dar acollida e orientación aos colectivos inmigrantes chegados a Galicia, ao tempo que fixo fincapé nun dos traballos que levou a cabo nos últimos 2 anos en colaboración do Concello, Choiva de Cores, unha actividaden de sensibilizacióndirixada aos máis novos para educalos a pensar en clave de multiculturalidade, a través de contos ou material didáctico en 21 escolas, 26 centros de educación infantil e 25 de primaria. Nesta liña, destacou o labor de inclusión que realiza a asociación, “que compartimos dende o Concello, en busca da igualdade real e efectiva, neste caso, entre persoas e culturas, para construír unha sociedade inclusiva e o máis diversa posible”.

Pola súa banda, Louzán agradeceu ao Concello a colaboración con Viraventos, ao mesmo tempo que destacou que o de Lugo, é unha das institucións locais que máis aposta polo social. Así mesmo, explicou que con esta mostra búscase contribuír á comprensión do fenómeno migratorio, “que non é un fenómeno temporal” e divulgar as ideas de tolerancia e defensa dos dereitos humanos.

Galegas coma ti poderase ver na Praza Maior ata o 19 de novembro. A mostra consta duns módulos expositivos, 3 cubos duns 2 metros de alto, que combinan textos sobre a igualdade de dereitos das persoas migrantes con fotografías, realizadas por Xurxo Lobato, nas que aparecen inmigrantes xunto a persoas galegas de relevancia pública no ámbito cultural, como escritores, músicos, xornalistas, cineastas, cantantes ou persoaxes do ámbito deportivo, entre outros. Senegal, Rumanía, Marrocos, Cuba e Bolivia son os países de procedencia da poboación imigrante representada nesta mostra que ao longo dos primeiros seis meses deste ano recorreu prazas e rúas de Coruña, Ames, Oleiros e Cambre. 

Audio

Noticias relacionadas