Exposición de Médicos Sin Fronteras no Centro Maruja Mallo

Martes, 15 de febreiro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A mostra de MSF, realizada coa colaboración da Concellería de Benestar Social e Igualdade, achega a Lugo, dende mañá e ata o día 28 de febreiro, unha exposición que mostra aos cidadáns á historia e o traballo en terreo da organización humanitaria

O Centro de Convivencia Maruja Mallo ofrecerá aos seus visitantes, ata o luns 28 de febreiro, a oportunidade de coñecer a exposición de Médicos Sin Fronteras “Que é MSF?”, unha mostra que quere achegar aos cidadáns o traballo e os principios de actuación desta organización médico-humanitaria internacional con máis de 350 proxectos en 65 países de todo o mundo.

Estruturada en varias columnas formadas por cubos apilables, os textos e fotos de terreo da mostra permiten ao visitante repasar a historia da organización desde a súa creación en 1971; os seus eixes de traballo, os principios da acción humanitaria e a testemuña; os perfís profesionais dos/as traballadores/as de MSF, e o seu balance financeiro e distribución do gasto.

A exposición explica a cadea da axuda humanitaria dunha organización que, gracias aos seus case 25.000 traballadores (tanto internacionais como persoal contratado localmente), aporta a súa asistencia a poboacións en situación precaria e vítimas de conflitos armados, desprazamentos forzados, enfermidades endémicas e epidémicas, catástrofes naturais, violencia social e exclusión da atención sanitaria, en África, Asia, Latinoamérica e Europa.

A exposición de Médicos Sin Fronteras, realizada coa colaboración da Concellería de Benestar Social e Igualdade, permanecerá no Centro de Convivencia Maruja Mallo ata o vindeiro 28 de febreiro. A entrada é gratuíta, e o horario da mostra, que se atopa distribuída por distintos puntos do centro de convivencia, será de luns a venres de 8.30 a 15.00 horas e de 16.00 a 21.30 horas.

Que é MSF?

Tal e como explica a exposición, MSF naceu en 1971 da man dun grupo de médicos e xornalistas, frustrados uns porque o mandato da organización na que traballaban lles impedía prestar testemuña sobre o xenocidio dos ibo en Biafra (Nixeria, 1968), outros pola ineficacia coa que se atendeu ás vítimas das inundacións de 1970 en Pakistán Oriental (actual Bangladesh). MSF España foi creada en 1986 e actualmente é unha das seccións da organización que xestiona operacións en terreo.

MSF é unha das principais organizacións humanitarias independentes do mundo. Máis da metade dos proxectos teñen por escenario contextos en conflito, post-conflito ou altamente inestables, como Somalia, República Democrática do Congo, Darfur (Sudán), Chad, Zimbabwe, Sri Lanka, Myanmar, Colombia ou os Territorios Palestinos. No ámbito das enfermidades esquecidas, MSF asiste a pacientes de Chagas, enfermidade do sono, kala azar ou tuberculose en Bolivia, India, República Centroafricana ou Xeorxia, entre outros.

Segundo a última Memoria Internacional da organización, en 2008 os equipos de MSF realizaron 8,8 millóns de consultas externas, superándose os 300.000 ingresos hospitalarios, e atenderon, entre outros, a 1,25 millóns de enfermos de malaria, 200.000 nenos con desnutrición severa, 68.000 enfermos de cólera e 15.000 vítimas de violencia sexual.

No ano que rematou con máis de 100.000 partos e 2,6 millóns de vacinacións contra o sarampelo e a meninxite. Ademais, os equipos realizaron 47.500 intervencións cirúrxicas e 150.000 sesións individuais ou en grupo de atención psicolóxica. Actualmente, máis de 140.000 pacientes con VIH/Sida reciben tratamento con antirretrovirais nos proxectos de MSF.

A exposición explica como se organiza todo este traballo, comezando polas razóns que determinan unha intervención ou que principios guían a labor de MSF á hora de desenvolver a súa misión social de acción médica de emerxencia e testemuña: humanidade, independencia, imparcialidade e neutralidade. Así mesmo, aborda cuestións tan concretas como a organización das centrais de compra e almacenaxe que MSF utiliza nos seus envíos de material a terreo, toda unha cadea loxística que permite á organización dar unha resposta inmediata a emerxencias como o recente terremoto de Haití.

“Que é MSF?” ofrece tamén detalles sobre os traballadores da organización, os tipos de perfís profesionais e as súas competencias. Ao longo de toda a exposición, fotografías de terreo permiten entender todas as fases dunha intervención humanitaria. Se engaden ademais numerosos gráficos para detallar os orzamentos de MSF España e de MSF Internacional: de onde proceden os seus fondos e como se gastan.
Neste senso, MSF conta con cerca de 4 millóns de socios e colaboradores en todo o mundo, entre eles uns 488.000 en España ao peche de 2009, que garanten que case o 90% dos fondos da organización sexan de orixe privado. Na cidade de Lugo conta con 842 socios e colaboradores (1.645 na provincia), dun total de 18.300 en toda Galicia.
Gracias a eles, explica a delegada de MSF na zona noroeste, María Díaz, “Médicos Sin Fronteras pode prestar unha asistencia humanitaria independente en todos os contextos, inmediata e allea ás axendas políticas, e denunciar sen interferencias as inxustizas de que son vítima as poboacións ás que asiste”. “Por esta razón, porque é unha axuda de sociedade civil a sociedade civil, queremos explicar o que somos e o que facemos, onde se atopan as crises nas que intervimos e quenes son as súas vítimas”. Esta exposición, deseñada por Estudio Diego Feijóo para MSF, foi galardoada nos ED-Awards (European Design Awards) na súa edición de 2009.

http://www.msf.es

 

Noticias relacionadas