A experiencia piloto para implantar fibra óptica no Casco Histórico abranguerá a mazá da Praza do Campo, rúa Nova, Miño e Tinería

Esta mañá tivo lugar a primeira reunión entre Concello e Telefónica para avanzar nos aspectos técnicos do acordo

Venres, 06 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A experiencia piloto para implantar fibra óptica no Casco Histórico abranguerá a mazá da Praza do Campo, rúa Nova, Miño e Tinería

O Concello de Lugo e a operadora universal Telefónica celebraron esta mañá unha reunión de carácter técnico para sentar as bases da colaboración entre as dúas entidades pola que se dotará de fibra óptica tanto ao Casco Histórico como á zona rural do municipio.

O encontro, coordinado polo edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto e ao que tamén asistiu o concelleiro de Infraestruras Urbanas, Alexandre Penas, acompañados por persoal dos servizos de Arquitectura e Electromecánicos así como polos responsables do despregamento de fibra óptica en Galicia, Lugo, Santiago e a Coruña e do deseñador de rede da empresa de telecomunicacións, serviu para abordar a información relativa aos proxectos que se programen.

“Ámbalas dúas partes consideramos esta primeira xuntanza, que foi moi produtiva, como o inicio do proxecto piloto que enmarcamos na mazá comprendida pola Praza do Campo e as rúas Nova, do Miño e a Tinería, por acoller accións empresariais, de emprendemento e turísticas e por ser, ademais, representativa das distintas tipoloxías arquitectónicas que teñen cabida na zona vella da cidade”, sinalou Miguel Couto ao tempo que indicou que esta área será a primeira do recinto amurallado en dispoñer de banda ancha, co obxectivo de estender logo este modelo ao resto da contorna e tamén á zona rural, entendendo a conectividade, e máis neste contexto social de pandemia, como unha ferramenta laboral indispensable ”.

Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, declarou que “se trata dun paso adiante nunha reclamación histórica da veciñanza do centro da cidade á que desde as áreas do goberno municipal tratamos de dar unha resposta coordinada coas empresas especializadas do sector”.

O equipo de traballo acordou manter unha nova reunión en 15 días para realizar unha posta en común das tarefas realizadas durante estas dúas semanas.

Audio

  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre a reunión da fibra óptica, no Casco Histórico | Descargar mp3

Noticias relacionadas