Experiencia fotográfica senso-vivencial no MIHL, do 17 ao 20 de xaneiro

Carmen Basadre presentou o taller de creación visual Cores Marcianas, deseñado para as necesidades das persoas con discapacidade visual

Está dirixido a 20 persoas, maiores de 18 anos. Para participar é preciso inscribirse no 010

Luns, 07 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Experiencia fotográfica senso-vivencial no MIHL, do 17 ao 20 de xaneiro

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este luns, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, uns novos obradoiros, baixo o nome de Cores Marcianas. Trátase dun taller de creación visual participativo e integrador, deseñado para as necesidades das persoas con discapacidade visual, que terá lugar no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) do 17 ao 20 de xaneiro. No acto tamén estivo unha representante da Asociación Tiresias Galicia, Lourdes Díaz, que colabora con esta iniciativa cultural, que serve de apoio a todas as persoas con baixa visión, converténdose nunha experiencia fotográfica senso-vivencial.

No taller, os grupos de creadores son mixtos e fórmanse equipos de artistas con e sen discapacidade visual, o que repercute nunha maior creatividade, riqueza e cohesión grupal. As persoas participantes investigarán sobre a percepción sensorial aplicada á creación fotográfica. Nun ambiente de experimentación lúdica e vivencial tomarán conciencia do corpo como motor de creación. Desde a estimulación sensorial e o desenvolvemento de actividades que fomentan a creatividade, visitarán o mundo fotográfico desde todos os sentidos, e aprenderán que a fotografía é un medio de comunicación emocional e artística ao alcance de todas e de todos.

Os talleres constan das seguintes fases: presentación e cohesión grupal, alfabetización visual, creaciión e estimulación sensorial, proceso creativo, realización de proxectos creativos, creación grupal, evento final e avaliación conxunta vivencial.

Cores Marcianas está dirixido a 20 persoas interesadas na creación fotográfica, maiores de 18 anos. O horario é de 17:00 a 19:30 horas o xoves 17, de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:30 horas o venres e sábado, 18 e 19 de xaneiro. O domingo 20 haberá unha actividade fotográfica pola cidade, pechando o taller, de 17:00 a 19:30 horas. Para participar é preciso inscribirse, dende hoxe, a través do 010 ou do teléfono 982-29-73-50 para xente de fóra de Lugo.

Estes obradoiros, que xa se desenvolveron en Zaragoza, Santiago de Compostela e Madrid, complementan a exposición Retratos sobre fondo negro, que acolleu, dende outubro e ata hoxe o Vello Cárcere, composta de 41 imaxes da artista Pilo Gallizo.

Audio

  • A concelleira Carmen Basadre sobre os novos obradoiros "Cores Marcianas" | Descargar mp3

Noticias relacionadas