Europe Direct Lugo acolle a xornada Hortos urbáns e agricultura ecolóxica, Lugo cara a unha alimentación máis sostible

Xoves, 16 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Europe Direct Lugo acolle a xornada Hortos urbáns e agricultura ecolóxica, Lugo cara a unha alimentación máis sostible

O centro Europe Direct pertecente ao Concello de Lugo acolleu este xoves a xornada Hortos urbáns e agricultura ecolóxica, Lugo cara a unha alimentación máis sostible. O executivo municipal impulsou esta iniciativa no marco da súa estratexia de sostibilidade, onde a alimentación de quilómetro cero e o autoconsumo son claves. Así mesmo, a agricultura ecolóxica é un dos ámbitos prioritarios de actuación incluídos no Pacto Verde Europeo (European Green Deal), a estratexia de crecemento sostible e integradora da UE, que ten como obxectivo impulsar a economía, mellorar a saúde e a calidade de vida das persoas e coidar da natureza.

Neste senso, a Alcaldesa, Lara Méndez, vén de presentar unha iniciativa enmarcada no proxecto LIFE, financiado pola UE, para a creación dunha innovadora zona verde na cidade, de aproximadamente 12.610m² no entorno da Garaballa. Este espazo, situado a carón do edificio Impulso Verde, contará con novos hortos urbanos, adaptados a diferentes idades e usos sociais, proxectándose, deste xeito, hortos terapéuticos, para maiores, escolares, familiares e didácticos, en prol da convivencia interxeracional.

Estes novos hortos, xunto cos xa acondicionados polo goberno muncipal nos últimos anos, nunha extensión de 3.000m² no parque dos Paxariños, foron presentados durante a xornada, na que tamén se profundizou nos principios da agricultura ecolóxica e os seus beneficios para a saúde e o medio ambiente.

As charlas estiveron impartidas por Carlos Brea Pallares, enxeñeiro agrícola, asesor de explotacións agrícolas e gandeiras e Máster en Calidade e Medio Ambiente; e Luis Ruiz García, profesor titular da Escola Técnica Superior de Enxeñería Agronómica, Alimentaria e de Biosistemas; responsable do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico na Universidade Politécnica de Madrid (UPM).

Multimedia

  • Europe Direct Lugo acolle a xornada Hortos urbáns e agricultura ecolóxica, Lugo cara a unha alimentación máis sostible

Noticias relacionadas