Europa elixe e difunde o proxecto de cidade verde e sostible de Lugo como caso de éxito na recuperación post-Covid

A estratexia, impulsada polo Goberno de Lara Méndez, móstrase como a liña a seguir para planificar as cidades verdes do futuro, especialmente, trala pandemia

“Este proxecto demostra que podemos deseñar un espazo que simultaneamente protexa o medio ambiente e permita prosperar ás comunidades”, sinalan

A reportaxe completa pode atoparse a través do seguinte enlace: bit.ly/2Jazd4E

Luns, 11 de xaneiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Europa elixe e difunde o proxecto de cidade verde e sostible de Lugo como caso de éxito na recuperación post-Covid

A Unión Europea elixiu a estratexia LIFE Lugo + Biodinámico como caso de éxito e exemplo a seguir con vista á recuperación post-Covid-19 no ámbito do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. A través dunha reportaxe publicada na súa páxina web, a Comisión Europa está a difundir o proxecto impulsado polo Goberno de Lara Méndez como a liña a seguir para planificar as cidades verdes do futuro.

“A pandemia de coronavirus puxo de relevo a importancia da cooperación local para facer fronte a desafíos mundiais como o cambio climático. O proxecto de Lugo para o futuro demostra que podemos deseñar e construír un espazo que simultaneamente protexa o medio ambiente e permita prosperar ás comunidades”, apunta a web da Comisión, nunha reportaxe que pode atoparse a través do enlace: bit.ly/2Jazd4E

O proxecto lucense busca amosar ao resto de Europa como o deseño ecolóxico e orientado á sostibilidade pode contribuír a combater o cambio climático dende as cidades, nun momento no que a realidade da pandemia e os confinamentos puxeron de manifesto a importancia que as vivendas saudables e os espazos urbanos verdes teñen para o benestar da sociedade.

O Barrio Multiecolóxico será un referente construtivo para todas as cidades europeas sostibles e resilientes. As veciñas e veciños de Lugo poderán gozar da configuración orgánica dos espazos urbanos e verdes, que achegan o mellor da cidade e da natureza. No corazón deste novo barrio ubicarase o edificio Impulso Verde, estandarte do proxecto e peza arquitectónica que funcionará como espazo municipal e de traballo, contando con elementos sostibles e garantindo o autoabastecemento enerxético do edificio. Toda a zona do Barrio Multiecolóxico será un espazo de lecer pensado para protexer a natureza autóctona, con bosques urbanos e un humidal recuperado.

O equipo que traballa na configuración e plantexamento do Barrio Multiecolóxico céntrase nas novas técnicas construtivas para crear edificios innovadores a partir de materiais de orixe local, como a madeira galega. O uso pioneiro destes materiais construtivos, que substituirán ao aceiro e o formigón, garantirá que as construcións que se levanten a partir de agora na cidade de Lugo emitirán menos CO2 á atmosfera, reducindo deste xeito a pegada medioambiental da cidade.

Lugo, á vangarda na loita contra o cambio climático

O Proxecto LIFE Lugo + Biodinámico é un dos piares do modelo de cidade que impulsa o Goberno de Lara Méndez, que une de xeito indisoluble o desenvolvemento urbanístico e a sostibilidade económica. O obxectivo é situar a Lugo como un referente europeo na loita contra o cambio climático en contornas urbanas, ao tempo que se promove un novo modelo produtivo baseado no desenvolvemento de todo o potencial dos recursos naturais dispoñibles, apostando firmemente por unha economía sostible e a xeración de empregos verdes.

Neste proxecto cofinanciado pola Unión Europea, o Concello está acompañado da Deputación de Lugo e tamén conta co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Politécnica de Madrid.

Noticias relacionadas