Este venres terá lugar a última visita do programa A Voltas polo Camiño Primitivo

Con esta iniciativa, o Concello aposta polo turismo cultural e por situar a Lugo como porta de entrada a Galicia da ruta xacobea

Os interesados en participar no último paseo deste venres ás 18:30 horas aínda poden apuntarse na Oficina Municipal de Turismo

Luns, 28 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As andainas guiadas do programa A Voltas polo Camiño Primitivo: tras os pasos de Alfonso II, que puxo en marcha o Concello de xeito gratuíto a principios de agosto co fin de impulsar a ruta xacobea ao seu paso por Lugo, finalizarán este venres.

Os interesados en participar neste último paseo, que terá lugar ás 18:30 horas, poden apuntarse aínda na Oficina Municipal de Turismo, situada na Praza do Campo. No caso de quedar vacantes, as persoas interesadas poden sumarse ao grupo na hora de saída.

Esta viaxe discorrerá polo treito urbano do Camiño Primitivo, facendo paradas nos lugares máis sinalados e unha visita á Catedral de Lugo, declarada recentemente Ben Mundial. A historia da Porta Miñá e a Porta de Santiago como punto de saída do Camiño esperta a curiosidade dos participantes deste programa. As pinturas murais da Catedral, así como a historia da Capela de San Froilán e da Capela dos Ollos Grandes son outros dos aspectos que sorprenden aos viaxeiros.

A estas visitas asistiron viaxeiros procedentes de Madrid, Cataluña, Andalucía, País Vasco, A Rioxa, Valencia, Castela A Mancha e Asturias, entre outros. En canto a estranxeiros, nestas andainas parciparon franceses e venezolanos. Coa iniciativa, o Concello aposta polo turismo cultural e por situar a Lugo como porta de entrada a Galicia do Camiño Primitivo de Santiago, co fin de impulsar a economía e o turismo lucense.

Noticias relacionadas