Este sábado celebrarase o paseo da cata histórica sobre o abastecemento de auga á cidade de Lugo

Os participantes neste paseo guiado, cuxa saída será ás 11:00 horas do MIHL, percorrerán a Praza da Milagrosa, o Monte das Pías, a rúa Mazaira e o Agro dos Castros

Xoves, 26 de xaneiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, ten programado un paseo guiado da cata histórica sobre o abastecemento de auga á cidade de Lugo, para este sábado, 28 de xaneiro, con saída ás 11:00 horas do MIHL. As persoas que participen no mesmo, percorrerán a Praza da Milagrosa, o Monte das Pías, a rúa Mazaira e o Agro dos Castros.

Este será o segundo dos percorridos das 5 catas históricas, que ten preparadas o Concello ata xuño, en substitución das catas literarias, co obxectivo de que os e as lucenses coñezan mellor Lugo e o patrimonio histórico e cultural da cidade. Trátase de actividades abertas ao público, polo que todas as persoas interesadas en participar neste percorrido simplemente terán que achegarse ata o punto de saída establecido.

As seguintes charlas desta programación serán os días 23 de febreiro, que versará sobre a Catedral e o Templo de Mitra; 27 de abril, facendo fincapé nos accesos históricos á cidade de Lugo: as vías romanas, o Camiño Primitivo e o Camiño Real de Carlos III, e 29 de xuño, que tratará a evolución histórica da cidade. Todas elas terán lugar ás 20:00 horas, compatibilizando o sitio de realización, tanto no Salón de Plenos como MIHL. O Doutor en Historia Antiga e Arqueoloxía, Javier Gómez, será o encargado de realizar ditas catas históricas.

Ademais, os próximos paseos relacionados con estas charlas, cos que se ofrece aos turistas alternativas para coñecer Lugo, celebraranse os días 25 de marzo, pola Praza de Santa María, Catedral e Templo de Mitra, e 27 de maio, polo Camiño Primitivo, para baixar polo Regueiro dos Hortos cara a Ponte Vella, Igrexa de San Lázaro, Antigo Hospital e visita ás antigas Termas, ás 11:00 horas. O 29 de xuño, a andaina será ás 20:30 horas polo centro da cidade, con visita á Domus, á Casa dos Mosaicos e San Roque.

Noticias relacionadas