Este Nadal, o Concello ilusiona con obradoiros, maxia, cine, música e andainas polo Camiño Primitivo

Carmen Basadre presentou a programación de actividades para estas datas, que arrincarán este venres e que rematarán o día 5 de xaneiro coa cabalgata de Reis, que este ano, como novidade, contará con cinco carrozas

Desenvolveranse, principalmente, en tres espazos, no fondo da Praza Maior, no MIHL e no Auditorio Municipal Gustavo Freire, que se suman ao GastroNadal no Mercado e na Praza de Abastos

Luns, 12 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Este Nadal, o Concello ilusiona con obradoiros, maxia, cine, música e andainas polo Camiño Primitivo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este luns no Salón de Plenos as actividades organizadas polo Concello para ilusionar este Nadal. Desenvolveranse, principalmente, en tres espazos, no fondo da Praza Maior, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) e no Auditorio Municipal Gustavo Freire, que se suman ao GastroNadal que terá lugar os días 16, 17, 21 e 22 no Mercado e na Praza de Abastos.

“Pretendemos diversificar e englobar distintos espazos por distintas as zonas da cidade, para que as opcións, dende obradorios, maxia, cine música e andainas polo Camiño Primitivo sexan para toda a cidanía”, subliñou a edil, quen adiantou que as actividades arrincarán este venres e rematarán o 5 de xaneiro coa cabalgata de Reis, que este ano, como novidade, contará con cinco carrozas, non con tres.

O fondo da Praza Maior, onde se instalará unha carpa, acollerá medio cento de obradoiros para os máis cativos, tanto en xornada de mañá, de 11:30 a 13:30 horas, como de tarde, de 16:30 a 18:30 horas. Entre as alternativas, o Concello ofrece obradoiros de pintura e de realización de marionetas ou adornos de Nadal, talleres de panxoliñas, contos de Nadal, maxia ou incluso unha discoteca de Nadal. A maioría das actividades teñen prazas limitadas entre os 25 e 30 participantes, polo que é necesario inscribirse no Servizo de Información Cidadá 010 ou na propia carpa.

Por outra banda, o MIHL tamén acollerá obradorios de recilaxe e de cociña creativa, dende o día 22 de decembro ata o 4 de xaneiro, agás o día de Nadal e o día de Aninovo. Serán de 11:30 a 13:30 horas. O número máximo de participantes é de 30. As inscricións débense realizar no 010. O día 23, estas instalacións vangardistas acollerán aos Títeres Alakrán, a partir das 18:00 horas.

O Auditorio Gustavo Freire vive este ano de novo o Nadal con diversas alternativas. Este vernes, ás 21:00 horas, terá lugar a representación da obra Km526 de Palomoquiños. O sábado haberá un maratón de cine de animación galego do director Manolo Gómez, dende as 17:00 ás 23:30 horas. Proxectaranse as obras El Bosque Animado, Sueño de una noche de San Juan, Espíritu del Bosque, e Noche de Paz. A entrada será de balde. O 26, coa colaboración de Agadic, terá lugar O conto da Azuzaina, o 27, o teatro muscial Animundis, e o 30, Farrés & Brothers, teatro nun espazo non convencional, nun globo aerostático. Será ás 13:00, 17:00 e 19:00 horas. Ao día seguinte, e para rematar o ano, ás 18:30, e tamén coa colaboración de Agadic, o auditorio acollerá a obra Very, very big international magic show. Este emprazamento arrincará o ano acollendo o concerto de aninovo da Banda Filarmónica de Lugo o día 2 de xaneiro, ás 20:30 horas. O día 4, á mesma hora, celebrarase o musical La Bella y la Bestia.

Completan esta programación diversas actuacións da banda de gaitas Devandoira por distintos barrios da cidade. Este domingo, a partir das 17:00 horas, pola Milagrosa, o día 22 por Albeiros, e o día 29, na Praza de Augas Férreas.

Tamén o Centro de Convivencia Uxío Novoneyra será testigo da mellor poesía no Nadal o domingo, ás 20:00 horas, e o Círculo das Artes, dos concertos das corais Cantar Delas, Solo Voces, do conxunto Vocal Lugh e o Coro do Hospital Xeral, así como da Banda Filarmónica de Lugo e a violinista Ana María Valderrama, ao longo deste mes. O Parque de Rosalía de Castro tamén será protagonista doutra das actividades, o II Rastrexo Popular do Nadal. Para participar neste rastrexo, é preciso inscribirse na Casa da Xuventude.

Seguindo as pegadas do Camiño Primitivo

Continuando na liña de impulsar o Camiño Primitivo, o Concello programou 4 andainas por esta ruta xacobea os días 26 e 27 de decembro e 2 e 3 de xaneiro. As inscricións realizaranse na Oficina Municipal de Turismo ou no 982-251-658 e a saída será ás 12:00 horas da Praza do Campo.

Máis información na web do Concello de Lugo, www.lugo.gal

Audio

  • Carmen Basadre, sobre as actividades programadas para o Nadal |Descargar mp3

Máis info

Noticias relacionadas