Este Nadal chega unha nova edición de Xuvenlugo cargada de actividades para os nenos e mozos lucenses

Carmen Basadre, Pablo Rivera e Rubén López presentaron as actividades desta edición que contan con importantes novidades con respecto a anos anteriores, como unha tirolina de 160 metros

Xuvenlugo abrirá as súas portas do 6 ao 11, do 16 ao 18, do 22 ao 23 e do 25 ao 30 de decembro, así como do 1 ao 4 e do 6 ao 8 de xaneiro, de 16:30 a 20:30 horas as atraccións mecánicas e de 16:30 a 21:00 horas o resto de actividades

Venres, 02 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Este Nadal chega unha nova edición de Xuvenlugo cargada de actividades para os nenos e mozos lucenses

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, e o xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, Rubén López, presentaron este venres no Salón de Plenos a 19ª edición de Xuvenlugo, unha alternativa de lecer e diversión durante o Nadal. O Concello e a Deputación colaboran con este evento, que conta con actividades dirixidas a todos os públicos.

Durante o acto de presentación, Carmen Basadre destacou o éxito deste salón “tan sinalado no calendario para as familias lucenses, que ademais vai medrando ano tras ano”. Tal e como avanzou a edil, “este tipo de eventos nas épocas de lecer escolar facilitan ademais a conciliación da vida familiar e laboral, porque Xuvenlugo conta con actividades especialmente dedicadas aos nenos e nenas”.

“O 7 de decembro será o día dedicado ao Concello e polo tanto todos os nenos e nenas entrarán de xeito gratuíto para gozar destas actividades”, destacou Basadre, que ademais dixo que “como novidade nesta edición haberá outra xornada máis de portas abertas, que será o 1 de xaneiro co día dos avós, para que poidan gozar cos seus netos e as dúas xeracións compartan momentos xuntos”.

Pola súa parte, Pablo Rivera agradeceu “a organización dun evento como este e que, ademais, se consigan introducir novos elementos que resulten atractivos para os pais e os nenos, motivos polos que a Deputación colabora sempre son estas actividades, unha colaboración que fai posible que o 16 de decembro haxa outra xornada máis de portas abertas”.

Finalmente, Rubén López animou “a todas as familias a compartir este espazo no que os máis cativos compartirán experiencias con outros nenos da súa idade procedentes de diferentes puntos de Lugo, da provincia e incluso de Galicia”.

Horarios e actividades
Xuvenlugo abrirá as súas portas do 6 ao 11, do 16 ao 18, do 22 ao 23 e do 25 ao 30 de decembro, así como do 1 ao 4 e do 6 ao 8 de xaneiro, de 16:30 a 20:30 horas as atraccións mecánicas e de 16:30 a 21:00 horas o resto de actividades. Os días 24 e 31 de decembro o recinto permanecerá pechado.

Como en anteriores edicións, Xuvenlugo ocupará os dous pavillóns e o corredor que os une, dentro das instalacións do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, ademais nesta ocasión tamén no exterior do edificio. Estará dividido en diferentes partes: un espazo para os máis cativos, que contará con xogos variados, ludoteca inchable, piscina de bolas, xogos recreativos, piscina con barquiñas, un circuíto de minigolf ou atraccións mecánicas, bolas inchables, entre outros.

Durante Xuvenlugo, os rapaces recibirán a visita de personaxes tradicionais das nosas festas como o Apalpador. Tamén, o 23 de decembro, Papa Nöel visitará as instalacións do Pazo para recoller as cartas dos máis cativos e repartir caramelos, entre as 18:30 e as 20:30 horas.

A entrada xenérica ao salón de lecer é de 6 euros, existindo bonos desconto para grupos.

Noticias relacionadas