A estatua de San Vicente, de volta entre a veciñanza luguesa e preparada para manar viño

Lara Méndez, Manuel Núñez, Manuel Novo e David Fernández supervisaron a colocación da figura -que sufrira un acto vandálico- tras a súa restauración, na que o Concello investiu 6.000 euros

A rexedora e o edil fixeron un chamamento á cidadanía para velar e coidar do patrimonio, "que é de todos"

O Concello realizou a limpeza da estatua, pegou os framentos, reconstruíu os volumes de menor calado e procedeu a selar as fracturas. Ademais reconstruíu a man que faltaba dende antes do incidente e deu maior consistencia ao conxunto escultórico

Martes, 13 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A estatua de San Vicente, de volta entre a veciñanza luguesa e preparada para manar viño

A estatua de San Vicente volve ocupar dende hoxe o seu lugar emblemático na fonte que leva o seu nome na Praza do Campo, despois dun proceso de restauración nos que o Concello investiu 6.000 euros, e que obedeceu a un acto vandálico.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisaron a colocación da figura na fonte, erixida en 1754, nunha visita na que tamén estivo presente o Inspector Xefe da Policía Local, Manuel Novo, o presidente de Lugo Monumental, David Fernández, técnicos municipais e persoal de Resconsa, encargada da restauración.

Para a rexedora, San Vicente non é un santo calquera nun lugar calquera. San Vicente é o santo que preside a Praza do Campo, o que é capaz de facer manar viño nesta fonte todos os meses de xullo, e o que lle da outra dimensión ao casco histórico. Por iso "para o Concello hoxe é un día de satisfacción porque entendemos que o San Vicente é unha figura simbólica nunha praza emblemática de Lugo", manifestou Méndez, quen agradeceu o traballo realizando tanto dende os distintos servizos municipais como dende a propia empresa pola súa profesionalidade e calidade nesta restauración que permitiu recuperar a estatua nuns 6 meses, a pesar dos importantes danos que sufriu, fragmentación en 3 partes, roturas e golpes na zona do manto na súa parte dianteira e na capucha e na manga dereita do hábito.

David Fernández amosouse encantado pola volta de San Vicente e agradeceu á rexedora a rapidez coa que se recuperou.

Chamamento para coidar do patimonio, "que é de todos"

Tanto Méndez como Núñez condenaron este acto vandálico e fixeron un chamamento á cidadanía para velar e coidar do patrimonio, "que é de todos".

Pola súa banda, o Inspector Novo informou de que, a pesar do traballo de investigación que desenvolveu tanto a Policía Local como a Nacional non foi posible identificar a autoría de ditos actos. Ante isto, Manuel Núñez avanzou que o Goberno Local valora distintas posibilidades para incrementar a vixiancia, como pode ser a instalacións de cámaras.

As tarefas de restauración

O Concello realizou a limpeza en seco da estatua, para posteriormente proceder ao pegado dos 6 fragmentos de importante entidade, 3 da cabeza, 1 da manga e 2 da túnica, con resina epoxi. Así mesmo reconstruironse os volumes de menor entidade e procedeuse ao selado de fracturas, lavado, aplicación de cloruro, consolidación de cal, hidrofugación e matización de cor. Manuel Núñez indicou que, aproveitando esta restauración, tamén se reconstruíu a man que xa lle faltaba dende antes do incidente. Ademais, para dar maior consistencia ao conxunto escultórico, a restauración inclúe a ampliación da lonxitude do sistema de ancoraxe das dúas pezas principais, gañando así en estabilidade e seguridade.

Noticias relacionadas